O Plan de Tráfico do Nadal introduce cambios para seguir mellorando a mobilidade
A concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, informou este martes das medidas que se aplicarán durante a celebración do Nadal na cidade con cambio de sentido na rúa Cervantes, cambios no túnel de Beiramar e con categorías en función da afluencia de visitantes prevista.
O Concello pon en marcha o Plan de Tráfico do Nadal con medidas especiais e cambios para garantir a seguridade e o acceso das persoas residentes ás súas vivendas, o acceso dos vehículos de emerxencias e para favorecer a circulación e a convivencia do tráfico rodado e dos peóns así como. Patricia Rodríguez, edil de Seguridade, explicou este martes o contido do Plan que ten como obxectivo “seguir mellorando” a fluidez do tráfico con sinalización horizontal e vertical, a monitorización do centro de control de tráfico municipal, a coordinación imprescindible co centro de control de tráfico do Noroeste, a Dirección Xeral de Tráfico e a Xefatura Provincial de Tráfico “que nos ofrecen información dos accesos á cidade e permite anticiparnos”.
Na presentación do Plan, participou Antonio Vivero, responsable do departamento de mobilidade e Roberto Carlos González, enxeñeiro da área de Mobilidade. Tal e como apuntaron, este ano conflúen varias circunstancias na celebración do Nadal que contará con máis atractivos sen que iso supoña unha maior ocupación da calzada pero hai que ter en conta a redución da capacidade da rúa Lepanto que está en obras.
Tendo en conta estas circunstancias, o Plan de Mobilidade establece tres categorías de días con medidas especiais de distinta intensidade e alcance:
- Días de Afluencia Moi Alta (9 días): 28, 29, 30 de novembro; 01, 05, 06, 07, 08, 26 de decembro.
- Días de Afluencia Alta (11 días): 16, 21, 22 de novembro; 12, 13, 19, 20, 27 de decembro; 02, 03, 04 de xaneiro.
- Días de Afluencia Moderada (35 días): 15, 17, 18, 19, 23, 24, 25 de novembro; 02, 03, 04, 09, 10, 11, 14, 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23, 24, 25, 28, 29, 30, 31 de decembro; 01, 05, 06, 07, 08, 09, 10, 11 de xaneiro.
O horario de aplicación das medidas será, de forma xeral, desde as 18:00 horas e ata as 22:00 horas, existindo a posibilidade de adialo ou atrasalo en función das necesidades así como de establecer as medidas desde 10:00 horas da mañá e ata as 22:00 horas os días de Afluencia Moi Alta.
Precisamente unha das novidades afecta á rúa Cervantes que nos días de afluencia moi alta cambia de dirección de circulación e será de baixada e non de subida desde as 10:00 horas da mañá. Ademais, de forma coordinada co Centro de Control do Noroeste e coa DXT comunicarase nos paneis informativos que as entradas preferentes á cidade desde a AP-9 sexan pola saída 4V, en dirección Isaac Peral, García Barbón e Túnel de Beiramar. En canto ao tráfico rodado procedente da A55 a recomendación dos paneis será que entren pola Avenida de Madrid ou pola VG-20.
Outro dos cambios do Plan de Mobilidade de Nadal está no túnel de Beiramar onde se permitirá a circulación en superficie desde o ámbito de Cánovas del Castillo en dirección Carral, Marqués de Valadares e Rosalía de Castro. Ademais, en canto ao transporte discrecional de viaxeiros, non se permitirá a chegada á cidade de autobuses desde a VG-20 por Bouzas e tampouco poderán estacionar na zona do Berbés. Deberán acceder á cidade pola AP-9 a través de Isaac Peral e descargar á pasaxe nunha zona habilitada en Areal.
En canto ás rúas Carral e Marqués de Valadares, “unha zona de moito pulso comercial” o Concello modificará o estacionamento para permitir a carga e descarga fóra do horario previsto na ordenanza.
O Concello mantén este ano as tarxetas para persoas residentes para o acceso aos aparcamentos, que se poderán descargar desde este mércores na web municipal ou solicitar na lonxa do Concello de forma presencial. “Dan tranquilidade aos residentes e axilizan o traballo da Policía Local”, explica a concelleira Patricia Rodríguez, que lembrou que non é unha medida obrigatoria.
Amais, o Goberno municipal recomenda á cidadanía que visite a cidade no período de Nadal que siga as recomendacións do Plan e a información que se vai actualizando nas pantallas repartidas pola cidade á hora de acceder ao centro e á hora de buscar aparcamento, recomendando os espazos de Samil e Coia para estacionar os vehículos, ou a reserva de praza en aparcamentos situados na contorna da zona central.