O servizo do 010 atendeu 138.602 chamadas desde maio de 2024
O servizo 010 atendeu un total de 138.602 chamadas desde maio de 2024 ao pasado mes de xuño, segundo explicou hoxe o alcalde ao lembrar que coa gratuidade da atención, desde o 20 de agosto do ano pasado, os usuarios aforran 77.000 euros.

Abel Caballero sinalou este martes que o 010 atendeu o pasado mes de xuño 11.504 chamadas, das que 5.681 foron resoltas de forma inmediata e 5.823 correspóndense coa xestión de expedientes ou trámites informativos que requiriron un traballo específico ou resposta posterior do Concello. Do total de chamadas atendidas, 4.706 correspóndense con suxestións, avisos e felicitacións.
O alcalde remarcou que entre os temas que acaparan o interese da cidadanía para a súa tramitación a través do 010 atópanse os relativos aos servizos sociais, limpeza, padrón, urbanismo, transportes e cultura. O Concello destina 369.000 euros ao servizo 010, que desde o ano pasado ofrece un servizo de vídeo interpretación en lingua de signos.