Escoitar

O Concello aproba a convocatoria de subvencións para a promoción do deporte feminino na tempada 2024-2025

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a subvención para financiar o programa “Conexións Vigo 2025” da Fundación Mayeusis e de dous convenios con entidades culturais na Xunta de Goberno desta mañá.

venres, 23 mai 2025

Abel Caballero explicou que o Concello de Vigo vén de aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro que promocionan o deporte feminino na tempada 2024-2025, cun importe de 45.000 euros. O rexedor indicou que “contribuímos a fomentar o deporte feminino” co apoio ás organizacións que promoven a participación de mulleres e nenas nas distintas modalidades deportivas. A pasada temporada beneficiáronse 82 entidades con esta liña de subvencións.

“Aprobamos a subvención para financiar o programa «Conexións Vigo 2025» da Fundación Mayeusis”, indicou o rexedor olívico. O importe é de 60.000 euros inclúe 30 concertos que fusionan música e danza en tres formatos: cámara (3 músicos máis bailaríns); grupo (de 3 a 8 músicos máis bailaríns) e orquestra Big-Band (de 16 a 30 músicos máis corpo de baile). Tamén inclúe o Encontro Conexións no Teatro García Barbón, que se celebrará o 27 de xuño.

Na Xunta de Goberno tamén se aprobaron convenios con dúas entidades culturais. O Concello achegará 16.000 euros á Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de San Miguel de Bouzas para continuar traballando na difusión da cultura mariñeira apoiando as actividades da asociación, como a ensinanza no mantemento e conservación das cinco embarcacións tradicionais de propiedade municipal (traiñeira, galeón, bote polbeiro, gamela coruxeira e dorna de tope). A Federación de Peñas Recreativas El Olivo recibirá 15.000 euros para o fomento das súas actividades.

Descargar todas as imaxes