Concello e Ministerio de Transportes acordan axilizar a tramitación do Ave Vigo-Madrid directo por Cerdedo
O alcalde reuniuse este mércores en Madrid con Marta Serrano, secretaria xeral de Transporte Terrestre, para abordar a “prioridade” para Vigo da variante ferroviaria por Cerdedo coa premisa “absolutamente irrenunciable” de que o percorrido poida facerse en “menos de 3 horas”.
Abel Caballero trasladou a súa “satisfacción” tralo encontro de traballo mantido este mércores en Madrid coa secretaria xeral de Transporte Terrestre, Marta Serrano, o director xeral de Transporte Ferroviario, representantes de ADIF e de Renfe, con quen abordou a tramitación do tren de alta velocidade Vigo-Madrid directo por Cerdedo.
O rexedor trasladoulles a proposta de que “ese percorrido ten que estar no entorno das 3 horas. Debe ter unha infraestrutura que permita facelo en menos de tres horas. Isto é absolutamente irrenunciable”. A vía de alta velocidade directa a Madrid desde Vigo, pasando por Pontevedra, Cercedo e Ourense é “prioritaria para a cidade de Vigo e para o ferrocarril en Galicia nestes momentos e así debe ser asumido”, apuntou.
No relativo aos trámites e as obras necesarias, o Ministerio de Transportes amosou “toda a súa vontade política”, acordando a celebración “nos próximos días” dunha reunión técnica entre o Concello e o Ministerio de Transportes “para analizar paso a paso o que hai que facer co fin de conseguir a Declaración de Impacto Ambiental, o proxecto e a obra” do Ave directo a Madrid por Cerdedo.
Tal e como sinalou Caballero, nestes momentos é preciso realizar un complemento ao estudo informativo, tal e como concluíu o estudo hidroxeolóxico e o informe do CSIC, e unha vez finalizado este permitirá que o proxecto saia a información publica e que se abra o prazo para presentar alegacións ao mesmo. O seguinte paso será a Declaración de Impacto Ambiental. “Vaise facer todo en bloque, avalado polo Concello de Vigo, para obter a Declaración de Impacto Ambiental no tempo mínimo posible. É un gran avance porque é a primeira vez que se fai desde o Ministerio de Transportes; a primeira vez que está presente o goberno de Vigo en tódolos pasos que se van dar”.
“Estamos satisfeitos coa reunión porque nos dá presenza en todo. Non imos ter que esperar a que – o Ministerio - dea o seguinte paso; estaremos presentes tecnicamente en cada paso, garantindo que o tren estará en condicións de levar adiante o proxecto construtivo e obra no tempo máis breve posible”, asegurou o rexedor, poñendo en valor a “vontade política do Ministerio de facelo, de facelo no tempo máis breve posible e vontade da presenza do Concello na fixación de prazos e tempos, corresponsabilizándonos no desenvolvemento dun tren imprescindible”.