Escoitar

Bad Gyal forma parte do Vigo en Festas 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a contratación da artista barcelonesa, que estará o xoves 10 de agosto en Castrelos. As reservas para a actuación de Pablo López sairán mañá a venda. A ocupación hoteleira da fin de semana alcanzou un 82,2%.

luns, 17 xul 2023

Como informou esta mañá o voceiro municipal, Carlos López Font, a Xunta de Goberno local aprobou a contratación do concerto que Bad Gyal ofrecerá este verán dentro do programa de festas da cidade.

A catalana subirá ao escenario de Castrelos o vindeiro xoves 10 de agosto para presentar na cidade os temas que convertérona nunha das artistas máis recoñecidas da escena internacional. Como sinalou López Font, trátase dunha artista que “segue conquistando o panorama musical despois de lograr 19 Discos de Platino e 5 Discos de Ouro” e que a maiores “logrou en 2022 o premio á mellor artista española nos MTV Europe Music Awards”

Pablo López

López Font tamén recordou que as reservas para gozar da música de Pablo López dende a platea de Castrelos sairán á venda mañá, combinando o formato online co presencial. Deste xeito, para facilitar o acceso de toda a cidadanía, independentemente do seu horario de traballo, os pases estarán dispoñibles en dúas quendas de 2.500 ás 9:30h e ás 16:30h (das que 1.250 de cada turno serán online a través de www.vigoenfestas.com e outras tantas na taquilla presencial do Auditorio Municipal).

Ocupación hoteleira

“A ocupación media hostaleira da fin de semana foi do 82,2%”, congratulouse o voceiro municipal, sinalando que “isto referenda o tirón turístico desta cidade, mobilizado e impulsado dende o Concello coa aposta polo Nadal e a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade” elementos que “nos puxeron no punto de mira da atracción turística do mundo e agora temos bos datos todo o ano”. Tamén sinalou que hoxe e mañá “case todos os hoteis do centro están ao 100% de ocupación, cunha media en toda a cidade dun 97%”, debido á reunión europea interministerial de Pesca do Consello da UE que se celebra en Vigo.

Descargar todas as imaxes