O alcalde cita o venres á secretaria de Estado de Transportes: “O AVE por Cerdedo é irrenunciable para Vigo”
Isabel Pardo de Vera visitará á Alcaldía da cidade e reunirase con Abel Caballero, quen adiantou este mércores o principal asunto que estará sobre a mesa: a conexión directa en Alta Velocidade entre Vigo, Ourense e Madrid por Cerdedo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, manterán este venres ás 09:30 horas unha entrevista no Concello de Vigo na que o primeiro edil vigués trasladará o asunto “máis importante para esta cidade neste momento”: a variante de Cerdedo.
Caballero avanzou este mércores en rolda de prensa a celebración da reunión coa secretaria de Estado, “boa amiga desta cidade” e anterior presidenta de ADIF. Despois de tratalo co secretario xeral de Infraestruturas e co propio presidente do Goberno, a intención do rexedor é abordar agora con Pardo de Vera o “necesario de seguir adiante” co AVE por Cerdedo.
O alcalde foi contundente na demanda ferroviaria viguesa e afirmou este mércores que desde a cidade “non imos dar volta por Santiago” para chegar a Ourense e Madrid en Alta Velocidade, polo que o tren directo a través da variante de Cerdedo “é irrenunciable para Vigo”.