A Xunta de Goberno aproba unha partida de 89.000 euros para continuar coa dixitalización do Arquivo Municipal
O alcalde explicou que nesta fase son 133.307 páxinas de distintas series dos antigos concellos de Bouzas e Lavadores e os fondos completos do Marquesado de Valadares e o Marquesado de Mos e Valadares.
A Xunta de Goberno local ven de adxudicar 88.715,85 euros para a dixitalización de novos arquivos patrimoniais do Concello de Vigo. Nestes documentos atópase información histórica e patrimonial que narra a evolución histórica da cidade e a súa contorna.
Abel Caballero explicou que isto supón “un proceso de modernización do propio arquivo” xa que unha ferramenta informática xestiona, clasifica e fai as descricións facendo un inventario dos fondos documentais.
Desta volta, o alcalde puxo de manifesto que haberá 133.307 páxinas novas dixitalizadas do Arquivo Municipal – fotos, carteis, hemeroteca, biblioteca... - e corresponden a series determinadas dos antigos concellos de Bouzas e Lavadores e os fondos completos do Marquesado de Valadares e o Marquesado de Mos e Valadares.
Caballero informou que isto é a continuación do traballo xa feito e que moitos dos fondos xa están dispoñibles online no portal ATOPO en colaboración coa Deputación de Pontevedra. O resultado da dixitalización do Arquivo é a preservación dos documentos e a mellora de acceso a difusión dos mesmos.