Escoitar

O servizo municipal de teleasistencia ampliou en outubro o número de usuarias ata as 739

Son 17 novas altas rexistradas durante o mes pasado, período no que o Concello fixo máis de 7.000 chamadas ás persoas, maioritariamente mulleres, beneficiarias deste servizo que financia integramente o Concello. O alcalde informou este martes do balance de outubro e destacou as 115 alarmas de emerxencia atendidas.

martes, 9 nov 2021
Abel Caballero, este martes en rolda de prensa.
Abel Caballero, este martes en rolda de prensa.

Vigo presume de ter “a política social máis importante que se fai en ningún concello de España en función da poboación”, segundo afirmou este mesmo martes o alcalde, Abel Caballero, quen deu conta dun dos programas que desenvolve o Concello e atende principalmente a mulleres maiores que viven soas: a teleasistencia.

Ao longo do mes pasado, dezasete persoas déronse de alta na teleasistencia municipal, que totaliza agora 739 usuarias en activo. En outubro se fixeron máis de 7.000 chamadas, na súa maioría de seguimento semanal, máis tamén por outros conceptos, como as máis de 300 de recordatorio de toma dos tratamentos médicos que as usuarias teñen prescritos e as 115 alarmas de emerxencia pulsadas, das que 34 foron por cuestión sanitaria. O Concello tamén fai unha atención especializada tras a comunicación dunha emerxencia ou tras un ingreso hospitalario.

“Seguiremos facendo a teleasistencia porque é un servizo estupendo”, valorou Abel Caballero, quen resaltou que o Concello de Vigo presta e costea na súa totalidade este programa de atención social a persoas maiores da cidade.

Descargar todas as imaxes