Vigo solicita á Xunta máis vivenda social
A concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar, cualificou a situación da cidade, con 5.500 familias agardando por unha vivenda protexida, de “emerxencia residencial”. “Demandamos á Xunta que execute o seu orzamento. A vivenda é competencia da comunidade autónoma”, subliñou.
Vigo solicita á Xunta que faga vivenda protexida para atender as 5.500 familias que agardan nunha lista “desde fai dez anos”. A edil de Política de Benestar Social lamentou a falla de proxecto nesta materia pola banda do Goberno Autonómico: “A Xunta non executou dous de cada tres euros do orzamento de vivenda. O 70% sen executar nun contexto de crise social derivado da crise sanitaria”.
Aguiar invitou a Feijóo a traballar e facer vivenda pública protexida logo que, de cara ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, “a resposta foi ausencia de resposta. Nula”, e lembrou que o Concello proxecta 14.500 novas vivendas para os demandantes.
A edil puxo de manifesto o investimento do goberno local con 2,3 millóns de euros en axudas de emerxencia, no que 80% vai adicado ao alugueiro ou pago das hipotecas e subministracións. “Facemos unha política preventiva de desafiuzamentos”, subliñou.