Escoitar

O Concello xa supera os 1,2 millóns en axudas de emerxencia tras aprobar outras 98 achegas

Vigo aprobou este mércores outras 98 axudas de emerxencia por valor de 17.000 euros, polo que o Concello de Vigo xa supera os 1,2 millóns de euros en achegas desde o inicio da pandemia o pasado mes de marzo. Ademais, a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace a un novo convenio co comedor de A Esperanza.

xoves, 3 set 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa das novas axudas de emerxencia aprobadas polo goberno local durante a crise sanitaria. O goberno local deu este mércores o visto e prace a 98 axudas a familias por un importe de preto de 17.000 euros, polo que o montante global das achegas repartidas polo Concello de Vigo desde marzo xa supera as 9.800 por valor de 1,2 millóns de euros.

Ademais, a Xunta de Goberno tamén validou o convenio e colaboración coa “Fundación Casa de Caridade de Vigo – Fogar San Xosé” para o seu comedor social “A Esperanza” por un importe de 21.120 euros, que se suman aos 23.000 xa aprobados.

Caballero lembrou que o Concello destina en total case medio millón de euros anuais aos comedores sociais da cidade. Ademais do comedor do albergue de Marqués de Valterra (financiado integramente polo Concello con 64.610 euros mensuais), o goberno local coopera coas Misioneiras do Silencio (16.000 euros), Vida Digna (45.000 euros), LA Sal de la Tierra (10.000 euros), Banco Alimentos (83.000 euros), AFAN (55.000 euros) e Fundación Santa Cruz (57.000 euros).

O Concello tamén aprobou en Xunta de Goberno a subvención nominativa a favor da agrupación de centros deportivos e culturais de Vigo para o desenvolvemento do programa “Vente con nós”, por importe de 13.500 euros, e o convenio de colaboración entre Concello e Vego Supermercados para o programa “Camiño a Camiño” por valor de 15.000 euros.