Escoitar

Vigo solicita 12 millóns de euros á Xunta para cofinanciar os servizos sociais comunitarios

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais 2020, que inclúe aqueles servizos que os Concellos están obrigados a prestar de acordo coa Lei de servizos sociais de Galicia do ano 2008.

venres, 31 xul 2020

O alcalde explicou que Vigo solicita ao goberno autonómico 12 millóns de euros para cofinanciar estes servizos dos que, segundo marca a Lei, debe financiar nun terzo os municipios de máis de 100.000 habitantes e en dous terzos a Xunta. O proxecto inclúe o desenvolvemento de programas como albergues, comedores, bolsas de comedor ou o programa de infancia e familia.

Con todo, Caballero sinalou que na actualidade non se están respectando esas porcentaxes xa que o Concello está aboando dous terzos dese orzamento e a Xunta soamente un terzo “facendo un abuso total da súa situación de poder en contra do Concello de vigo, polo que en lugar de cumprir a súa lei fan o contrario”.

Segundo explicou, o ano pasado o goberno de Vigo solicitou 10,5 millóns de euros e a Xunta transferiu soamente 3,8 cando recibe fondos do Estado para dedicar a este fin. Así, recalcou o rexedor, o goberno galego “deixou de pagar a Vigo 4 millóns de euros neste concepto”.