Escoitar

O Concello dedica 1,5 millóns de euros á violencia de xénero

A concelleira Uxía Blanco expuxo os diferentes programas que desenvolve o goberno municipal na área de igualdade e muller, na atención ás vítimas de violencia de xénero e na prevención e concienciación.

martes, 26 nov 2019
1574775849uxia.jpg
A concelleira de Igualdade destacou este martes en rolda de prensa o investimento municipal nos programas de atención á muller, especialmente na loita contra a violencia de xénero, cifrándoo en 1,5 millóns de euros.

Uxía Blanco explicou que o Centro de emerxencia para a atención de mulleres vítimas da violencia de xénero ten un orzamento de 241.000 euros, e presta o servizo a mulleres de Vigo e do resto de Galicia ou España. O Centro municipal de información e servizos á muller "onde ofrecemos asesoramento psicolóxico, social e xurídico con persoal propio" ten un presuposto de 30.000 euros anuais; a dedicación municipal ao Programa de atención psicolóxica a menores expostos á violencia de xénero é de 12.000 euros ao ano mentres o SADI, Servizo de atención domiciliaria á infancia, que atende a vítimas de violencia de xénero, ten un presuposto de 158.000 euros anuais.

Amais, a edil sinalou que o Concello dispón de 3 vivendas de protección para o acollemento temporal de mulleres vítimas de violencia de xénero, nas que pode permanecer a unidade familiar por un período de 6 meses a un ano cunha dedicación anual de 30.000 euros; o Centro de documentación feminista, con biblioteca especializada en temas de mulleres, dispón de 27.765 euros ao ano, mentres a Casa das mulleres, espazo para actividades propias e para que colectivos de mulleres realicen alí as súas actividades, dispón de 32.549 euros.

A concellería de Muller conta con axudas e subvencións de apoio ao deporte feminino con programas específicos en favor da igualdade por valor de 141.000 euros e asina un convenio coa Rede de mulleres contra os malos tratos que ascende a 30.300 euros. Realiza tamén actividades e campañas para informar, formar y concienciar á sociedade sobre a lacra de violencia de xénero.

O Concello conta, tal e como sinalou Uxía Blanco, coa EVAP, Equipo de Vixilancia e Apoio Policial, que en 2018 atendeu a 141 vítimas de violencia de xénero, e que ten un presuposto de 250.000 euros anuais con 5 persoas dedicadas integramente á violencia de xénero. Desde a súa creación ten atendido a 1.480 vítimas e ten xestionado máis de 3000 ordes de afastamento de agresores. A edil criticou a Marea de Vigo que cualificou de "exiguo e ridículo", o orzamento municipal na área de igualdade e muller, e apuntou que se trata "dunha grande mentira; é ridículo que non se enteren do que pasa no Concello".
Descargar todas as imaxes