Escoitar

Vigo incrementa os premios do seu Entroido para as comparsas participantes

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves as bases de participación no concurso de carrozas e comparsas e a programación de actos previstos. Haberá 17 premios para as comparsas que participen no desfile o día 2 de marzo a partir das 18 horas.

xoves, 14 feb 2019
O alcalde informou hoxe da aprobación da subvención nominativa, mediante convenio, a favor da Agrupación de centros deportivos e culturais e da Federación de Peñas "El Olivo" para a organización do Entroido 2019 que ascende a 85.000 euros. Da Agrupación de centros deportivos e culturais, que recibirá 44.225 euros, Caballero destacou o labor "extraordinario" que desenvolven a prol da cultura e da música folk na cidade. A Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" recibe 40.775 euros para encargarse da organización e seguridade do desfile de comparsas, que se celebrará o sábado 2 de marzo ás 18:00 horas da tarde.

Así, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases de participación no concurso de carrozas e comparsas e á programación dos actos do Entroido 2019. Para formar parte do desfile poderán inscribirse as comparsas integradas por un mínimo de 35 persoas que poderán presentar a súa solicitude no Rexistro municipal, tamén por vía electrónica ata 0 26 de febreiro.

O rexedor anunciou o incremento dos premios para os participantes na procura da "máxima calidade posible" e "duplicámolo todo" concedendo 3.000 euros para o primeiro premio, 2.500 euros para o segundo e 2.000 euros para o terceiro premio. Ademais, o Concello dará 14 accésit de 1.000 euros e 200 euros a cada unha das comparsas que non resulten premiadas en compensación polos gastos de desprazamento. Serán en total, 17 recoñecementos, de xeito que "o 60% das comparsas teñen premio para cubrir parte dos seus gastos".