Escoitar

Vigo aproba o investimento do superávit en humanizacións, parques e patios de colexios

Jaime Aneiros, concelleiro de Facenda, anunciou que o goberno de Vigo destinará 15 millóns de euros do superávit de 2017 a investimentos públicos. Ademais, avanzou que un total de 4 millóns de remanente de Tesourería adicaranse á liquidación do contrato con Pazo do Congresos.

mércores, 27 xuñ 2018
O Pleno da Corporación deu o visto e prace este mércores á aprobación inicial de modificación orzamentaria para incluír un crédito extraordinario con 19 millóns de euros, 15 procedentes do superávit e outros 4 de remanentes de Tesourería.

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, interveu para explicar que o Decreto-Lei do Goberno, aprobado a instancias do alcalde de Vigo e presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, permite ao Concello adicar o seu superávit a investimentos na cidade.

A aprobación saíu adiante cos votos a favor do PSOE -PP e Marea de Vigo abstivéronse- e supón que o goberno local, tal e como indicou Aneiros, adique 15 millóns a novas humanizacións, parques e cubrición de patios de colexios, mentres que os 4 millóns de remanentes serán destinados á indemnización pola liquidación do contrato de Pazo de Congresos no Auditorio Mar de Vigo.

"Estamos a renovar toda a cidade, as rúas, con saneamento, abastecemento, alumeado, mobiliario... espazos para favorecer a mobilidade dos vigueses", destacou o concelleiro socialista.

Pola súa banda, o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, anunciou a abstención do seu grupo municipal ao entender que o destino do superávit debería "ir máis alá que ás humanizacións" e puxo como exemplo o mal estado das pistas de atletismo de Balaídos ou a rede de abastecemento de auga.

No caso do PP, a concelleira Elena Muñoz destacou que o pago polo Auditorio Mar de Vigo débese á "unha falta de xestión histórica" e sinalou que "comezamos a pagar a quebra".