Escoitar

Concello e Deputación adicarán 9,2 millóns á reforma e construción de catro pavillóns deportivos

Abel Caballero e Carmela Silva rubricaron este venres o acordo polo que ambos gobernos renovarán o céspede artificial en dez campos de fútbol municipais, reformarán os dous pavillóns baixo a bancada de Río, en Balaídos, e construirán novos recintos deportivos en Quirós e na rúa Romil. "Esta é a mellor forma de facer cidade", valorou o alcalde.

luns, 22 xan 2018
1516628847ConvenioDiputacion.jpg
Segundo o texto asinado, a Deputación de Pontevedra achegará 5,5 millóns de euros -o 60% do total- e o Concello, os 3,7 millóns restantes para facer fronte á renovación e construción de instalacións deportivas en Vigo. A sinatura, apuntou Abel Caballero, é "mostra da cooperación entre dúas institucións que teñen a vocación de facer tantas cousas xuntas na cidade". O Concello redacta os proxectos e encargarase da licitación e execución das obras.

Concello e Deputación renovarán o céspede sintéctico en dez campos de fútbol municipais e mellorarán o alumeado artificial e instalacións técnicas. Ademais, se remodelarán integralmente os dous pavillóns deportivos baixo a bancada de Río, no estadio de Balaídos, para o que reservan máis de 1,1 millóns de euros, se construirá o novo pavillón de Quirós -cun orzamento estimado en 3 millóns- e outro máis en Romil 77, sobre unha estrutura "absolutamente deteriorada" que leva así "máis de vinte anos", "inverosímil" no centro da cidade, e que tamén estará a disposición do colexio Doutor Fleming.

Caballero e Silva informaron do convenio nunha rolda de prensa conxunta, na que tamén participaron o segundo tenente de alcalde e edil de Fomento, David Regades, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández. A presidenta da Deputación e tamén tenente de alcalde de Vigo enxalzou o investimento "moi importante" para accións "moi relevantes" en recintos deportivos, que "a xente reclama como un dereito", e en distintos ámbitos da cidade, cumprindo a "prioridade" para os gobernos local e provincial.

Pola súa banda, o alcalde vigués puxo en valor o "avance extraordinario" que supón esta sinatura para o deporte da cidade. "Cada vez imos necesitar máis e máis instalacións deportivas e o que estamos a facer é adiantarnos", expuxo Caballero, renovando dous e construindo outros dous novos pavillóns "en ano e medio". O rexedor concluíu que "esta cooperación devén do convencemento de que esta é a mellor forma de facer cidade".
Descargar todas as imaxes