Escoitar

O Concello aproba a contratación do aparcamento gratuíto do Hospital por 538.000 euros

O alcalde informou da continuidade do proxecto de construción de 400 prazas de aparcamento de balde trala luz verde da Xunta de Goberno á oferta de contratación das obras por 538.000 euros. Tamén deu o visto bo ao convenio polo que FOANPAS recibe 606.000 euros do Concello para bolsas de comedor.

venres, 7 abr 2017
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a clasificación de ofertas para a contratación das obras do aparcamento público en terreos de titularidade municipal do Hospital Álvaro Cunqueiro, de maneira que a empresa Misturas S.A será a encargada de acometela cunha proposta de 538.000 euros.

Tal e como contempla o proxecto do Concello, a obra supoñerá dotar ao centro hospitalario de 400 prazas aproximadamente de aparcamento gratuíto nunha parcela adxacente que "se utilizará para a cidadanía de Vigo", segundo explicou o rexedor.

Ademais, deuse luz verde ao proxecto de convenio coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de alumnas e alumnos de Vigo e comarca (FOANPAS) pola que o Concello dedica 606.000 euros para a prestación do servizo de comedora. Caballero explicou que serán para "as bolsas de comedor de nenas e nenos cuxos pais non teñen recursos para pagalo", criticando que a Xunta de Galicia non asume esa competencia como lle corresponde.