Escoitar

Vigo inicia a elaboración do orzamento de 2017 marcado pola inversión, a política social e o emprego

Abel Caballero explicou que o Concello xa lle trasladou ao Ministerio de Facenda as liñas básicas do documento para que poida quedar aprobado en decembro e dar tranquilidade e "garantía" á economía, aos investimentos e ao tecido empresarial da cidade, sendo Vigo o "primeiro concello de España que inicia a confección do presuposto de 2017".

xoves, 25 ago 2016
O alcalde informou hoxe do inicio da elaboración do presuposto do Concello para o ano 2017 tras a sinatura, onte mércores, da comunicación ao Ministerio de Facenda das liñas básicas do documento, de maneira que poida estar aprobado "en tempo e forma" no mes de decembro.

Segundo explicou Caballero, o orzamento terá tres grandes liñas "máis investimento, máis política social e máis e máis emprego co elemento subxacente da débeda cero". Así, Vigo sitúase, dixo, como "o único grande concello de Europa con débeda cero".

Para o rexedor, estes serán uns "grandes presupostos para dar tranquilidade e estabilidade a Vigo" salientando que é "o primeiro concello de España que inicia a elaboración do presuposto de 2017", unha situación que, ao seu entender, supón unha "garantía" para a economía, os investimentos e o tecido empresarial, transmite a imaxe dunha cidade "seria e respectable" e permite que a cidadanía "saiba moi ben o que imos facer".