Escoitar

Caballero eloxia o "fenómeno de masas" de O Marisquiño e garante a súa celebración ata 2019

Este martes, o MARCO vigués acolleu a presentación da edición 2016 de O Marisquiño, esta fin de semana en distintos espazos do centro da cidade. O alcalde de Vigo apuntou que está pechada coa organización a celebración do evento na cidade ata o ano 2019

martes, 9 ago 2016
1470746628marisquino.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este martes no MARCO de Vigo na presentación da edición deste ano de O Marisquiño, un acto no que tamén participou a primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación, Carmela Silva, entre outras autoridades.

Na súa intervención, o rexedor vigués subliñou que O Marisquiño "ocupa un espazo central no sentir da cidade", un "fenómeno de masas" que "todo Vigo está agardando". Caballero engadiu que este ano "ocupamos moito máis espazo" grazas á nova Copa do Mundo e á retransmisión do evento por Internet e asegurou que a cita revela a "emerxencia dunha nova cultura deportiva que eclosiona de forma moi notable na cidade".

Desde un punto de vista turístico, o alcalde de Vigo citou Conxemar e O Marisquiño como os "grandes momentos" do ano na cidade e adiantou que a súa celebración en Vigo está acordada coa organización ata 2019. Caballero, tamén na súa condición de presidente de Zona Franca, certificou a "vocación de cooperar" do Consorcio nesta "mobilización de todos os vectores" da cidade, incluída a Xunta de Galicia e o Porto de Vigo, e o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, as dúas institucións que máis o apoian economicamente.

Desde este venres ata o domingo, 1.200 deportistas procedentes de todo o mundo encherán a cidade de Vigo nun evento que reuniu o ano pasado a unhas 120.000 persoas. Segundo estima a organización, para a edición de 2016 se agarda incrementar a afluencia de público nun 20%, dado que coincide cunha ponte e pola campaña de promoción levada adiante en Euskadi e Andalucía. De feito, a televisión autonómica andaluza emitirá en setembro un programa especial sobre O Marisquiño.

A cita deste ano presenta algunhas novidades destacadas na rolda de prensa desta mañá: os concertos -un total de dez artistas durante tres días- múdanse á céntrica Praza do Rei, os campionatos de lanchas no mar e unha terceira Copa do Mundo, en Skate mini ramp, o que aumentará a retransmisión en directo do Festival a través da Internet, que chegará a medio centenar de países.
Descargar todas as imaxes