Escoitar

Benestar Social dinamiza programas destinados a persoas maiores cunha convocatoria de axudas

martes, 4 mar 2003
imx2396.jpg
Ancián
A Concellería de Benestar Social, nun intento de dinamizar o colectivo específico das persoas maiores, traballou nos últimos dous anos na potenciación do tecido social integrado por persoas de idade que, ben de forma autónoma ou integrados nos diferentes colectivos da cidade, uníronse para formar unha asociación de maiores. Co fin de mellorar as actividades deste colectivo, ábrese o prazo de subvencións a programas de actividades de asociacións de persoas maiores.

Neste momento e como froito dun traballo específico existen na cidade 18 asociacións integradas por persoas maiores e prevese que este número se incremente notablemente.

Así mesmo, existe o Consello municipal das persoas maiores como órgano participativo, consultivo e de asesoramento das persoas maiores que se encarga de propoñer actividades específicas para o colectivo que representan.

Co obxecto de mellora-las actividades deste colectivo, establécense subvencións a programas de actividades de asociacións de persoas maiores inscritas no Rexistro municipal de asociacións e que forman parte do Consello municipal das persoas maiores para desenvolvelos durante o ano 2003.

As subvencións de Benestar Social específicas para maiores terán como obxectivos e finalidades fundamentais a potenciación do tecido social de maiores, a realización de programas e actividades socioculturais, recreativas e sociais que eleven a calidade de vida dos propios interesados.

O ámbito de desenvolvemento destas bases é específico para as asociacións de maiores, e será un requisito imprescindible estar inscritas no Rexistro municipal de asociacións e formar parte do Consello municipal das persoas maiores. As entidades solicitantes serán de ámbito local. No caso de non seren así, valorarase a incidencia da súa actividade no termo municipal.

Para a presente convocatoria cóntase cun orzamento de 18.000 euros. Dos programas ou actividades subvencionables exclúense as actividades propias dos clubes deportivos non integrados por persoas maiores, actividades de carácter político e doutrinal de signo partidario ou confesional, as actividades que teñan canle específico de subvención por parte doutros sectores do Concello, os gastos xerais, de administración, xestión, funcionamento, adquisición de patrimonio, mantemento ou alugamento de local social.

Os criterios que se analizarán para a concesión das subvencións, serán a calidade da actividade ou programa proposto, o ámbito de aplicación da actividade, colectivo de poboación participante ou número de beneficiarios, así como o interese social, as formas de participación dos solicitantes na actividade e a duración do programa ou actividade.

As solicitudes de subvención presentaranse a través do Rexistro Xeral do Concello, nos impresos normalizados, ata o 15 de marzo de 2003.
Descargar todas as imaxes