Escoitar

Caballero defende a conveniencia do modelo da Área Metropolitana de Vigo

O rexedor vigués mantivo este mércores unha rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas que manifestaron a súa vontade de incorporarse ao ente supramunicipal para comunicarlles o acordo adoptado este luns e amosou a súa satisfacción polo modelo acadado que define como "conveniente e bo para levar adiante moitos territorios".

mércores, 24 feb 2016
Abel Caballero amosouse hoxe "encantado" co avance da Lei de Área Metropolitana e "agarda" que a Xunta envíe o texto esta semana para que sexa revisado e que se constate que "estamos absolutamente de acordo en todo".

No entanto, segundo anunciou, ao longo deste mércores pola mañá, mantivo unha rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesas que manifestaron a súa vontade de formar parte da ampliación do ente supramunicipal, que son os da A Cañiza, A Guarda, Mondariz, Ponteareas, Tomiño, Tui, Vilaboa e As Neves. En conversa telefónica transmitiulles o acordo adoptado, "que contamos con eles e que a primeira decisión que tomaremos será a de pedir a ampliación e constatei que están satisfeitos", polo que, dixo, este é un acordo de "22 concellos que queren conformar a Área Metropolitana de Vigo", sen descartar a incorporación doutros municipios máis adiante.

Para o rexedor vigués a Área Metropolitana é unha decisión de "modernidade" que se plasma nun "modelo bo e conveniente para levar adiante moitos territorios. Seremos case 28 concellos, somos máis de 600.000 habitantes que, voluntariamente, nos constituímos nun área metropolitana común; decidímolo nós, non nos obriga unha lei" incidindo en que esta é a "forma" de desenvolver o territorio "con contido, competencias e sen case custo".

Ademais, Caballero anunciou que, como presidente da FEMP, tratará de que na próxima Lei de Financiamento das Corporacións Locais se inclúan as áreas metropolitanas.