Escoitar

Caballero espera "gran participación" no Cidade de Vigo, en Samil, o torneo de referencia do tenis local

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiron hoxe martes na sala de xuntas de Alcaldía aos representantes da Federación Galega de Tenis e Escola de Tenis de Samil con motivo da organización da 74 edición do Campionato Cidade de Vigo de tenis-VI Memorial Antonio Santorio, nas pistas do complexo municipal de Samil do vindeiro día 24 ao domingo 6 de setembro.

martes, 18 ago 2015
1439902613tenis.JPG
Vigo é referencia do tenis en Galicia dende o século XIX grazas aos empregados do Cable Inglés, a Eastern Telegraph Company Limited, introducírono na cidade como outros deportes a partires de 1873.

O Campionato de Vigo (1942) é, xunto cos Campionatos de Galicia (1940) e o Internacional do Club de Campo (1940) un dos torneos máis antigos a nivel galego. E os tres comezaron a xogarse en Vigo.

Agora, o tenis vigués segue respondendo a esta cita. Caballero probou in situ raqueta e bólas coas que se disputará o torneo, que xa conta con 150 xogadores aínda que a participación esperada duplica esa cifra, pois un bo número de xogadores tamén competirá en varias categorías.

O rexedor animou aos responsables federativos (Ricardo Camiña, directivo da FGT, Pablo González, director da escola, e Fernando Rodríguez, director do torneo) a seguir organizando este tradicional evento que pecha os grandes torneos de raqueta da cidade.

Así, neste torneo inscríbense as mellores raquetas de todos os clubs locais. O prazo péchase este xoves día 20 e o sorteo de cadros realizarase o venres 21 para todas as categorías, desde os máis novos (categoría benxamín) a veteranos.

Hai 1.000 euros en premios en metálico para a categoría absoluta masculina e para a feminina.
Descargar todas as imaxes