A Corporación ratifica por unanimidade que o pavillón de Bouzas leve o nome de Pablo Beiro
A totalidade dos concelleiros apoiaron na sesión plenaria deste luns nomear "Pavillón Municipal Pablo Beiro" ao recinto deportivo de Bouzas, homenaxeando así a traxectoria do recentemente falecido edil do Partido Popular, deportista, fundador e presidente do club deportivo AMFIV. Os tres grupos políticos con representación na Corporación eloxiaron a calidade persoal de Beiro a súa intensa labor nos ámbitos político, social e deportivo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xa anunciara a comezos do mes de marzo o acordo dos partidos políticos para nomear ao de Bouzas como o "Pavillón Municipal Pablo Beiro", consenso ratificado hoxe nunha sesión plenaria na que tamén tomou posesión a súa sucesora no grupo do Partido Popular, Carlota Muñoz.