Escoitar

Caballero chama a participar na marcha ciclista popular do domingo "porque é saudable fortalecer o corazón"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a Marcha Ciclista Popular Bicis en Nadal, que patrocina o Concello de Vigo e organiza o Club Ciclista Vigués este domingo

venres, 2 xan 2015
1420207506bicis.JPG
O rexedor animou á participación cidadá na primeira rolda de prensa do ano que, "como non podía ser doutro xeito é de ciclismo", chanceou.

Así, este domingo ás 10:30 horas terá lugar o evento, sen necesidade de inscrición previa e con participación totalmente aberta e gratuíta. "É unha marcha lúdica para celebrar a vida saudable", asegurou Caballero, que estivo acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, o presidente da entidade ciclista, Carlos Vidal, e varios compoñentes das categorías de formación do club.

A serpe multicor partirá "dende Concepción Arenal cara a Colón", indicou, percorrendo logo Policarpo Sanz, Elduayen, Paseo de Alfonso, Pi y Margall, López Mora, Camelias, Praza de América, Castelao, Gran Vía, Praza de España, Pizarro, Travesía, Buenos Aires, Sanjurjo Badía, García Barbón, Isaac Peral, Areal e Concepción Arenal de novo como remate.

O presidente do C.C. Vigués invitou a Caballero e a Fernández a que participen neste percorrido de 10 quilómetros, "facendo 5, 6 ou os quilómetros que poidan", e celebrou o apoio dun alcalde con orixe en terras de ciclistas. De feito, o propio xefe do goberno municipal adicou algúns minutos a contar aos deportistas presentes algunha anécdota da Volta a España e de Álvaro Pino, a quen lle entregou unha copa durante a mesma cando Caballero era ministro de Fomento.

"Queremos poñer en valor a bicicleta, a vida saudable; fortalecer o corazón non vén mal", recalcou o alcalde para pechar o acto, no que animou a que o domingo se viva "unha gran marcha ciclista".
Descargar todas as imaxes