Escoitar

O músico Óscar Villar, pregoeiro de "Vigo en Festas 2013"

O vigués, membro de número da Academia Española das Artes e das Ciencias da Música, é director da Coral Casablanca desde o ano 1988. Presidido polo alcalde de Vigo, o acto terá lugar mañá -ás 20 horas na Praza da Constitución- coa participación da propia Coral Casablanca.

martes, 23 xul 2013
O pregón de inicio do programa municipal "Vigo en Festas 2013" correrá a cargo do músico vigués Óscar Villar, formado no Conservatorio de Música de Vigo e director titular da Coral Casablanca e da súa orquestra desde hai 25 anos. Medalla de Galicia no 2005, Villar é membro de número da Academia Española das Artes e das Ciencias da Música desde abril de 2008.

O acto de inicio oficial do programa de festas de Vigo terá lugar na Praza da Constitución, mañá mércores desde as 20 horas, presidido polo alcalde de Vigo. A cita contará coa participación da propia Coral Casablanca.

Óscar Villar
Vigués de nacemento, Óscar Villar Díaz, é músico de profesión. Formouse no Conservatorio de Música de Vigo, completando a súa formación nos de Ourense, A Coruña, Madrid, e na Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, realizou estudos de postgrao en Dirección de Coro e Orquestra, Metodoloxía Coral e Técnica Vocal no Instituto Superior de Arte da Habana (Cuba), así como numerosos cursos de especialización, en dirección coral, en Viena, Madrid, o País Vasco, etc...

Comezou a dirixir aos 17 anos, desempeñando unha intensa actividade na dirección de grupos corais, polo que este ano cumprirá 35 anos de dedicación á dirección. Dende o ano 1988 é director titular da Coral Casablanca de Vigo e da súa orquestra, coa que obtivo importantes galardóns, como a Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes.

No ano 2005, a Xunta de Galicia concedeulle a MEDALLA DE GALICIA. Villar é membro de número da Academia Española das Artes e as Ciencias da Música dende Abril do ano 2008.