Escoitar

O alcalde asegura que Vigo gañará 80,8 millóns coa prórroga da concesión da auga, sen incrementar a tarifa

O goberno local aprobou este luns a prórroga de cinco anos da concesión do servizo de auga, un acordo polo que a empresa Aqualia investirá 34,2 millóns en proxectos e na expropiación dos terreos da nova depuradora, o que fai posible que o Concello de Vigo deixe de pagar os 45 millóns de euros do IVE. "É unha prórroga extraordinariamente convinte para esta cidade", apuntou Abel Caballero, quen explicou que se manteñen as tarifas como están.

luns, 21 nov 2011
1321880743alcalde2.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns da prórroga ata 2020 da concesión do servizo de augas a Aqualia, cinco anos máis a cambio dos que a cidade gañará 80,8 millóns de euros.

Segundo manifestou Caballero, as tarifas á cidadanía manteranse segundo están e a empresa realizará investimentos por valor de 34,2 millóns de euros en Vigo, nos que están incluídos os 10,2 millóns de euros das expropiacións dos terreos que ocupará a futura depuradora de Vigo. Realizando esta operación Aqualia, o IVE pode ser deducido e o Concello xa non terá que pagar os 45 millóns deste imposto; sen esta prórroga "non sería posible facer a depuradora", afirmou o rexedor, xa que as arcas municipais quebrarían.

O alcalde valorou positivamente esta decisión e cualificou a prórroga de "extraordinariamente convinte para esta cidade". Abel Caballero recordou que os investimentos programados pola empresa ata o ano 2015 foron agotados polos gobernos locais anteriores a 2007, co que este acordo posibilita novos investimentos en Vigo desde que a prórroga sexa efectiva ata 2020.

Os 34,2 millóns a investir pola concesionaria en Vigo tamén inclúe unha partida de 180.000 euros anuais ata 2020 para "accións sociais", 20 millóns en infraestruturas hidráulicas e outros 4 millóns para melloras de saneamento en Canceleiro e Areal, de abastecemento en Cabral e Candeán, nos bombeos ou contra verquidos, entre outras.

Sentenza xudicial
Abel Caballero adiantou que esta prórroga permitirá igualmente ao Concello facer fronte á sentenza xudicial de Paiva-Parada, cunha orde firme de pago antes de tres meses. Aqualia pagará as expropiacións dos terreos da EDAR do Lagares, co que os 1,9 millóns de euros orzamentados polo goberno local en 2011 para esta finalidade irían adicados ao cumplimento desta sentenza urbanística de 1993.

O alcalde avanzou que convocará un Pleno extraordiario da Corporación municipal para aprobar o pago desta sentenza xudicial, xa que os xulgados ordenan facela efectiva antes de finalizar o presente ano.
1321880743alcalde2.jpg
1321892493alcalde2.jpg
Descargar todas as imaxes