Escoitar

O concelleiro de Deportes subliña o protagonismo da canteira do Celta no Cidade de Vigo, este xoves diante do Sporting

O Real Club Celta medirase ao Sporting de Xixón este xoves no XXXIX Cidade de Vigo de fútbol, unha nova edición a partido único que se xogará ás 21.00 horas no estadio municipal de Balaídos, segundo afirmou esta mañá o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. "O Celta ten unha historia de equipo potente e este trofeo significa podelo ver rodar, é un posible exame de como está a posta en marcha do equipo", salientou o edil do BNG.

martes, 18 ago 2009
1250601442cidade.JPG
Ademais do concelleiro de Deportes, na presentación do trofeo, a clásica "uve" de Vigo (un magnífico traballo de ourivaría que custa 12.000 euros, dixo o concelleiro), tamén participaron o conselleiro céltico Antonio Rosendo, o director xeral celeste, Antonio Chaves, e o adestrador do primeiro equipo, Eusebio, nun acto que concluíu coa tradicional foto de grupo ante o trofeo de dirixentes e xogadores. Ao concelleiro lle fixo especial ilusión repasar a lista de xogadores e ver que "se podería facer un once con xogadores de aquí", e recordou que con outro equipo con moitos galegos, "o Celta xogou por vez primeira a Copa da UEFA ao comezo dos anos 70".

Pola súa banda, o director xeral do Celta, Antonio Chaves, desexou que o triunfo este xoves "quede en casa", e advertiu que, "xunto coa do Barcelona, en Balaídos veranse dúas das tres mellores canteiras futbolísticas de España, polo que o encontro será moi atractivo".

Para rematar, o técnico celeste observou que "é moi importante xogar contra un Primeira" e esixiu ao seu equipo "unha boa imaxe, porque queremos ter á afección do noso lado. Se logramos unha boa comunicación, poderemos facer unha boa tempada", dixo Eusebio.


A "uve" de Vigo foi gañada dende 2001 polo Sporting de Lisboa (2001), Celta (2002, 2005, 2006 e 2008), Sevilla (2003), Vitoria (2004) e Atlético de Madrid (2007). O Trofeo Cidade de Vigo comezou a súa andaina no ano 1971 en formato de triangular (Celta, Panathinaikos e Pontevedra) e foi gañado, entre outros, polo Chelsea, Real Madrid, Atlético de Madrid, Lazio, Benfica, Inter, Spartak de Moscova ou Cruzeiro, ademais de polo propio conxunto vigués.

As entradas para adultos custarán 15 euros en Tribuna e 10 en Preferencia, e para os nenos serán de 5 euros. O Celta abrirá exclusivamente esas dúas bancadas.
Descargar todas as imaxes