Escoitar

O Casco Vello acollerá do 1 ao 7 de setembro a primeira edición da festa romana "Vicus Romanorum"<br />

Do 1 ao 7 de setembro, o Casco Vello de Vigo acollerá a primeira edición da Vicus Romanorum, a primeira festa romana da cidade, segundo anunciou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, o nacionalista Santi Domínguez. O obxectivo desta iniciativa, na que se desenvolverán exposicións, obradoiros, ciclos de cine e recreacións históricas, radica na "recuperación do que foi o inicio da nosa cidade".<br />

martes, 22 xul 2008
1216728188vicus.JPG
Santi Domínguez explicou que Vigo "ten moito que ver coa romanización", e posto que existen numerosos vestixios desa época, dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cascos Históricos, decidiuse apoiar a iniciativa plantexada pola asociación Vigo Vello de celebrar unha festa ambientada na época romana durante a primera semana de setembro. "Vicus Romanorum será o complemento da festa grande do Casco Vello", salientou o tenente de alcalde, en referenza á Festa da Reconquista.

"A celebración desta festa iniciativa cumpre tamén o obxectivo de seguir afondando no Casco Vello como punto de encontro e de lecer para todos os vigueses e viguesas", engadíu o tenente de alcalde, quen sinalou que esta iniciativa súmase ao resto de actuacións que estamos desenvolvendo no Casco Vello para acadar a súa dinamización e revitalización. Deste xeito, segundo explicou Santi Domínguez, se pretende que a zona histórica de Vigo se constitúa, ao longo de todo o ano, como "centro de actividade". Ademais, coa festa incorpóranse "atractivos turísticos e eventos de interese que atraian a visitantes doutros lugares".

O tenente de alcalde salientou tamén que a organización da festa ten unha comprobada base científica, e neste sentido agradeceu o esforzo desenvolvido polos servizos arqueolóxicos do Concello e a asociación Vigo Vello. Os responsables desta entidade, ademais de agradecer ao tenente de alcalde o seu apoio, sinalaron que a convocatoria da festa ten dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, a promoción do casco histórico de Vigo, pero ademais, desenvolver un "exercizo de responsabilidade na súa execución", de xeito que teña unha "base científica certa". Ademais, subliñaron que o programa nace con "vocación de crecemento" e de que ano a ano se consolide e pase a formar parte das festas da cidade. Darase así a coñecer dunha maneira lúdica, atractiva e didáctica un dos capítulos máis significativos da historia de Vigo.

Vicus Romanorum 2008 ofertará un amplo abano de actividades en diferentes espazos do Casco Vello, como poden ser a Praza da Constitución, a Praza da Princesa, a Praza da Pedra e espazos pechados como a Casa Arines ou a Sala dos Peiraos. Un dos contidos que centrarán a convocatoria refírese á recreación da vida militar romana a cargo dun grupo de recreación histórica de rigor contrastado. Montarán unha sección dun "castra" (zona de entrenamento da lexión", no que se exporán os útiles militares e de avituallamento comúns e se amosará a actividade militar. Nel desenvolveranse obradoiros dirixidos a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos no que poderán coñecer os usos das espadas, os cascos e os escudos, e realizar réplicas sinxelas pero exactas das orixinais.

Outro espazo de interese será o "ludus", a zona de xogos na que maiores e nenos e nenas poderán xogar aos mesmos entretementos que os romanos, como xogos de taboeiro, tabas, aro ou apostas. Instalarase tamén a recreación dunha excavación arqueolóxica dun xacemento romano, na que o público poderá realizar de xeito fidedigno a simulación dunha excavación científica. Esta recreación completarase cunha exposición sobre a vida cotiá da época romana, que permitirá a comprensión interactiva dalgúns aspectos curiosos da vida das persoas dese periodo histórico: como se iluminaban, como escribían, os seus hábitos alimenticios, ou os seus costumes de aseo, entre outros. Precisamente para amosar estes aspectos dun xeito interactivo, organizaranse obradoiros de cociña e perfumería, que se desenvolverán a cargo do grupo especializado Kuan Num. A organización dunha exposición sobre bibliografía especializada en Roma, un ciclo de cine temático que terá lugar na praza da Constitución e un ciclo de conferencias temáticas a cargo de especialistas na materia, completarán a programación da festa, que contará cun orzamento final de arrededor de 40.000 euros.

Finalmente, Xosé Baltierra, responsable dos servizos de arqueoloxía do Concello, fixo fincapé no esforzo que se está facendo para que as xornadas teñan un "total rigor científico" que ao seu xuízo non sempre cumpren as festas organizas noutros lugares. "Todo o que a xente verá ten un rigor científico demostrado", subliñou.
Descargar todas as imaxes