Vigo aprobará definitivamente a concesión de Balaídos ao Celta por 50 anos
A Xunta de Goberno Local aprobará este venres definitivamente a concesión administrativa de dominio público do Estadio Municipal de Balaídos ao Real Club Celta de Vigo, por un período de 50 anos prorrogable ata un máximo de 75 e cun canon anual de 802.837,93 euros. “É un momento de importancia histórica na cidade”, destacou Abel Caballero.
A aprobación definitiva chega despois de que o prego de cláusulas económico-administrativas estivese sometido a información pública durante 30 días hábiles sen que se presentase ningunha alegación. A concesión permitirá ao club explotar en exclusiva o estadio e os seus diferentes espazos e locais, tanto para uso deportivo como para outros usos compatibles, fundamentalmente terciarios ou similares, que non poderán ocupar máis do 50% da superficie. O Celta poderá tamén comercializar os dereitos audiovisuais asociados aos eventos deportivos, establecer unha denominación comercial para o estadio e organizar actividades culturais, de ocio e tempo libre.
O canon anual poderá ser obxecto de axustes por investimentos en obras no estadio, pola organización de actividades culturais e de ocio acordadas co Concello que contribúan á difusión da marca Vigo ou polas perdas de ingresos derivadas da reubicación de socios durante a execución de obras, como as previstas nas gradas de Gol e Tribuna.
Entre as obrigas do club figuran sufragar os servizos e subministracións, asumir os gastos de conservación, reparación, melloras, limpeza e seguridade, presentar anualmente un Plan de Mantemento e Conservación e realizar as actuacións que poidan ser esixidas pola Liga ou pola UEFA. Ademais, Balaídos deberá manterse como sede do primeiro equipo, unha condición cuxo incumprimento suporía unha indemnización ao Concello.
Pola súa banda, o Concello conservará o dereito a utilizar as pistas e espazos situados baixo a bancada de Río, contará con presenza publicitaria da marca Concello de Vigo nos eventos e poderá organizar actos de interese xeral respectando o calendario oficial do club. Tamén poderá acometer, de forma coordinada co Celta, reformas ou ampliacións estruturais que considere de interese para a cidade.
“Isto é extraordinario para a cidade e moi bo para o deporte, para o fútbol e para o Celta”, valorou Caballero sobre unha concesión coa que queda regulado a longo prazo o uso e explotación do estadio municipal.