Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
luns, 21 de maio 2001

Imprimir | Enviar

Actuación municipal no antigo Cuartel de Barreiro




Os terreos do antigo Cuartel de Barreiro pódense dividir en dúas zonas ben definidas polas súas características actuais. Unha gran zona inferior, localizada no vento sur, onde predominan antigas edificacións e patios pavimentados e outra superior, localizada no vento norte, onde hai matogueiras e se conservan, en gran parte, as características naturais a pesar da deforestación.

O departamento de Parques, Montes e Xardíns elaborou un estudio centrado na parte superior, entendendo que a zona inferior debe ser obxecto de ordenación aparte,
definindo o uso que se lles vai dar ás antigas edificacións
en función das necesidades actuais.

Nesta zona superior propóñense actuacións como a potenciación da área de influencia do leito natural das augas de manancial, a zona de repoboación, a área de actividades e maila zona deportiva.

Existe unha vagoada que, polas condicións dos noiros, fai pensar nunha actuación artificial. Aínda así, consolídase nas súas características potencialmente naturais debido á existencia de ameneiros e salgueiros, entre outras árbores, en correspondencia co discorrer das augas, aínda que estas condicións se perden bruscamente polos tratamentos efectuados nos noiros. Isto induce a un tratamento de potenciación mediante a limpeza e desbroce das matogueiras invasoras alleas a esta comunidade de humidal, como as silveiras, á estratificación de especies respecto a capa freática e mais á formación de itinerarios no interior do humidal.

Proponse a realización do noiro en lugares onde o perfil do mesmo conserva unha brusquidade impropia das características naturais que deben imperar. Plantaranse especies de acordo co bosque de galería co perfil crataegus, laurus, fentos e ruscus, entre outros.

Definiranse trazados e itinerarios cara os interiores, seguindo as orientacións das diferentes especies, mediante pasos de madeira ou empedrados naturais.

A ordenación do discorrer actual das augas servirá para evitar encharcamentos innecesarios e de aspecto nauseabundo en épocas desfavorables, causados pola altas temperaturas e o baixo caudal, entre outros factores.

Seguindo as características de estratificación e en función dos distintos niveis defínense as zonas de repoboación.

Cotas

Nas cotas inferiores e zona lisa haberá unha formación de pradeira natural con repoboación de castiñeiros, cerdeiras e crataegus definindo un corredor que, na súa parte central, se expansiona a modo de solarium e que se continúa introducindo no interior do humidal. Evítase o contacto directo mediante unha ponte que comunica co camiño perimetral que percorre as zonas de repoboación.

Nas cotas intermedias farase unha repoboación de carballos en formación de bosque en espesura completa.

Nas cotas superiores repoboarase con piñeiros e cedros en formación de bosque en espesura completa.

Actividades

A área de actividades contempla a proposta de construcción dunha aula medioambiental na parte nororiental da zona onde se poden crear distintas zonas dedicadas a horta, árbores de froita e incluso animais en estado de liberdade como esquíos, coellos, perdices ou faisáns. A xestión e mantemento destas instalacións poderían correr a cargo dalgunha representación veciñal e serviría de punto de referencia para que os centros de ensino desenvolvesen actividades nun escenario natural.

A zona deportiva está supeditada á existencia dunha pradeira cunhas dimensións de 95 por 45 metros na parte inferior da zona do humidal, que presenta unhas características axeitadas para a súa utilización cos acondicionamentos previos. Así mesmo, o camiño perimetral que percorre a zona de repoboación pódese utilizar como unha pista de footing nunha lonxitude de 670 metros.

Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003