Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
venres, 18 de maio 2001

Imprimir | Enviar

A Casa do Cesteiro, un fío da nosa identidade




Da importancia que acadou a cestería na nosa cidade dá fe a rúa Cesteiros. Cestos de lazo, planchos, maletas, cestas da pesca, botellóns forrados... eran confeccionados polos cesteiros desta rúa para abastecer a demanda dunha cidade que medraba economicamente. No Berbés nasas, patelas, esportas, traíñas, cestas da descarga, elaboradas por cesteiros de Cabeiro e Lavadores eran as ferramentas de traballo das nosas xentes.

Co gallo de recuperar a diversidade destas pezas, técnicas, formas e regresalas á nosa vida cotiá xorde A Casa do Cesteiro. O labor realizado por este centro abrangue todos aqueles aspectos necesarios para recompoñer o tecido comercial que sustentaba o oficio de cesteiro. Actuacións no ámbito da producción das materias primas, da recuperación de pezas e técnicas, da formación e da promoción do oficio conforman a súa programación.

Gran parte do saber do oficio tradicional atopábase baseado no dominio que os cesteiros tiñan sobre os recursos que as nosas fragas, ricas en variedades vexetais, lles ofrecían. A Casa do Cesteiro vén de pór en marcha un viveiro forestal das especies autóctonas empregadas en cestería co obxectivo de realizar plantacións productivas de vimbios de diversas especies, comparar a súa productividade e iniciar o autoabastecemento da escola.

Neste sentido iniciarase tamén a conformación dun banco de especies forestais (carballos, castaños...) que reúnan as características precisas para o traballo de cestería. Estas nais serán proporcionadas por cesteiros que aínda traballan e que desexen compartir esta experiencia. Así, iniciarase a plantación productiva destas nobres árbores cesteables.

Nos nosos montes descúbrese tamén bo material para este traballo. Por iso, A Casa do Cesteiro vén de recabar a colaboración das comunidades de montes da nosa cidade para realizar actividades puntuais de recollida de material cesteable. Nestas actividades participan os alumnos que acceden ós programas formativos de cestería tradicional que son impartidos no centro como parte indispensable da súa formación. Recoller material no monte e confeccionar un cesto é un exercicio habitual no traballo dos futuros cesteiros.

Formados nas principais técnicas tradicionais da nosa comunidade (vimbio, madeira fendida e colmo) o alumnado da Casa do Cesteiro é o receptor de todos os segredos do oficio.

Os traballos de campo e mais de investigación que realiza o centro, converten a Casa do Cesteiro no eixo da transmisión do saber entre os últimos cesteiros e a nova xeración. Reproducindo con fidelidade os procesos de fabricación das pezas tradicionais, patelas, nasas, planchos, recóllense os xestos, os procesos e as ferramentas que son a base da técnica tradicional. Técnica que lles é transmitida sen alteracións ós alumnos.

Os traballos de investigación son, ó tempo, a base para realizar actividades divulgativas e de apoio á comercialización. Convencidos de que a recuperación económica do sector pasa polo regreso ós modelos e técnicas que van asociados á nosa tradición e identidade.

A Casa do Cesteiro leva a cabo, tamén, actividades que os propios artesáns, por limitación lóxica de tempo e recursos, non poden realizar. Así, incentivar a venda, crear redes de distribución, garantir o producto, divulgar o oficio, orientar ó consumidor... son estratexias sobre as que se están a traballar.

Potenciar o producto xunto co oficio e o seu contorno debuxa un marco que enriquece as pezas e convérteas en únicas, e evocan en nós emocións e lembranzas. Así, os novos cesteiros teñen a posibilidade de defenderse economicamente nun mercado aínda sen explotar que demanda pezas co sabor do noso.

A Casa do Cesteiro é unha acción integrada polo programa operativo URBAN, cofinanciada pola Unión Europea, Fondo Social Europeo.



Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003