Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
luns, 07 de maio 2001

Imprimir | Enviar

O museo Liste: un suxestivo diálogo co pasado




O museo etnográfico Liste, xestionado pola Fundación Liste, quere ser unha invitación ó coñecemento dun legado imprescindible para comprender a nosa historia recente, o noso pasado común.

Supón unha viaxe no tempo a través de determinados obxectos da vida colectiva e pública, da vida familiar e privada. Son pezas mostra de actividades que foron, ou son expresión relevante da cultura tradicional, e tamén reflexo dos seus valores.

Dentro do abano de posibilidades, abordáronse unha serie de aspectos ós que se adica unha atención preferente, podemos dicir que son distintas ”culturas”, entendendo por tales, facetas monográficas da vida cotiá, plasmadas a través da súa expresión material: os obxectos.

A compartimentación en nove espacios permite abordar outras tantas temáticas. Así, podemos falar da ”Cultura do centeo”, onde se recolle, a través dunha visión cronolóxica o cultivo deste cereal de vital importancia no noso agro. Trebellos, comida e festa a el vencellados amosan unha actividade agochada xa no recordo.

”A roda tradicional”, a rodeira do carro, esa vella descoñecida, desapercibida para os máis de nós, está aquí presente como xérmolo de estudio da súa grande adaptabilidade.

Máis de 50 oficios son plasmados de xeito simbólico, evidencia desas mans anónimas, especialistas, artesáns do necesario, nas que se funden home e útil en harmónica complicidade.

”O peche”, o valado, oculto, enchen un espacio de trebellos, froito do enxeño dos nosos ferreiros, transmisores da personalidade dos seus propietarios.

O desenvolvemento da actividade tradicional da ”teciduría” ofrécenos mostras cunha intencionalidade didáctica. Dende as materias primas ata as ferramentas ou a producción artesanal centrada nos tecidos de la, liño e encaixes, son proba da importancia que acadou esta actividade na economía familiar.

Na ”madeira escavada” maniféstase unha vez máis a capacidade do home para dar resposta ás necesidades dunha economía de autosuficiencia. Deseño e funcionalidade camiñan moi preto, sen por isto estar exentos de certa plasticidade. Preséntanse obxectos de madeira, de espacios baldeiros que se enchen de utilidade en resposta ás distintas demandas da vida rural: enxoval de cociña, transporte, almacén, aseo e un longo etcétera.

”A luz” ofrece unha panorámica dos distintos sistemas de iluminación ó longo do tempo: candís de aceite, de gas, de carburo, farois... Deténdose naqueles que máis fortemente estiveron ligados ós individuos no seu ámbito rural, e que son máis íntimos.

”A fe, o sentimento relixioso”, o fervor popular evócase na materialidade: as ofrendas. Ofrendas como petición, ou acción de gracias, que configuran un espacio sagrado onde se pretende plasmar o valor colectivo das manifestacións relixiosas, a convivencia do divino e o humano, ritual e tradición.

Por último, a figura do ”sanador tradicional” abórdase en medio cento de testemuñas de persoas adicadas ó ”oficio de curar”, nas que se reflicte de xeito fiel unha realidade, en moitos casos ignorada, ou pouco valorada, na que a curación vencella a materia e o espírito. Formulada como homenaxe ós nosos compostores e o seu xeito de entender a saúde e enfermidade.

A exposición do conxunto ten unha intencionalidade global na que a estética está presente, pero partindo dun profundo coñecemento dos obxectos, cargados de alma, tinguidos da súa propia historia, o que lles imprime un carácter de singularidade.

O obxectivo principal do museo vai ser crear as condicións idóneas para que se estableza unha máxima relación, unha auténtica comunicación co destinatario deste proxecto: o visitante, na que el pasa a ser tamén protagonista. Atraer e convencer vai ser a súa máxima avaliación.




--------------------
O museo Liste permanece aberto ó público co seguinte horario:

Martes a sábado: 11.00-14.00 e de 17.00-19.00 horas
Domingo: 10.00-14.30
Luns, pechado
Información: 986-244698


Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003