Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
venres, 27 de abril 2001

Imprimir | Enviar

Boa acollida do programa ”Entre árbores, paso a paso”




”Entre árbores, paso a paso” é un programa de visitas guiadas ós parques forestais coa combinación da utilización do transporte público e dos sendeiros. Os interesados poden percorreren, de xeito gratuíto, o sendeiro panorámico GR-53 como unidade vertebradora do proxecto. O roteiro dividiuse de maneira que se permitese acceder desde o centro da cidade ó principio e fin de cada treito por medio do bus urbano. Nos distintos percorridos, os monitores fan unha interpretación do medio e destacan os valores naturais, etnográficos e paisaxísticos atopados no camiño.

Un grupo heteroxéneo de xente, constituído por arredor de 40 persoas, participou nos tres primeiros roteiros organizados pola Concellería de Medio Ambiente para dar a coñecer o sendeiro panorámico GR-53 nas mañás dos sábados. O número de excursionistas foise incrementando cada xornada.



O primeiro treito foi da Madroa ata a Lagoa Mol, en Peinador. Os monitores aproveitaron a presencia das mámoas existentes, da lagoa e das turbeiras do Vixiador para ofrecer información sobre historia megalítica e medio ambiente. Na segunda saída, de Zamáns a Bembrive, os excursionistas puideron pasear polo bosque de ribeira, coñecer os muíños restaurados e apreciar o seu valor etnográfico. A saída de Coruxo ata Saiáns foi a máis curta das realizadas ata agora, na que destacou tanto a presencia de petroglifos de interese patrimonial como o estudio da flora e da fauna existente. O sábado 28 de abril visitarase o Monte Alba.


Algunhas das persoas que realizaron estas saídas xa coñecían os roteiros, pero o feito de que a organización propuxese partir en autobús urbano desde a Praza de América ás 9:30 horas, cun regreso previsto para as 14:30 horas, foi aplaudido pola comodidade que supón para os participantes non ter que depender dos vehículos particulares para achegarse ó monte.


Os monitores da empresa Ecoplanin, ademais de realizaren unha interpretación do medio, entregan unha sinxela guía didáctica que contén información sobre as principais especies de flora e fauna existentes, un mapa de situación co percorrido e a sinalización dos sendeiros.

Os obxectivos xerais do programa ”Entre árbores, paso a paso” son a toma de conciencia dos valores naturais e patrimoniais, a toma de responsabilidade ante os impactos ambientais e o fomento da curiosidade e do pensamento crítico. Preténdese tamén posibilitar o coñecemento por parte dos vigueses do patrimonio natural, etnográfico e paisaxístico do Concello e dos seus parques forestais, así como crear unha sociedade futura máis afectiva e consecuente co medio ambiente.


Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003