Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
mércores, 21 de marzo 2001

Imprimir | Enviar

Medalla de Ouro da Cidade e Vigueses Distinguidos




O Concello de Vigo concederalle, o martes 27 de marzo, a Medalla de Ouro da Cidade á Escola de Enxeñería Técnica Industrial. Esta institución académica acaba de cumprir cen anos e foi o primeiro centro que impartiu estudios universitarios en Vigo.

Naceu baixo o mecenazgo dos herdeiros de García Barbón como Escola de Artes e Industrias e, nas súas orixes, buscaba formar os traballadores das industrias que comezaban a asentarse á beira da ría. Na actualidade, forma especialistas en mecánica, electrónica e química industrial.

Nesta edición de recoñecemento ós ”Vigueses Distinguidos”, o premio concederáselle a doce persoeiros e a dous colectivos polo seu destacado labor en distintos ámbitos sociais, deportivos, económicos e culturais da cidade.

A empresaria Pili Carrera conseguirá a distinción pola proxección da súa sociedade téxtil de moda infantil nos mercados nacional e internacional a partir dun pequeno obradoiro no Calvario. Hoxe, Pili Carrera é unha das empresas punteiras do sector da moda infantil.

Antón Corral é mestre de gaiteiros e unha das persoas que máis fixeron por manter viva a música tradicional. Primeiro desde o seu obradoiro de Ortigueira e despois, durante dúas décadas, por medio do seu traballo na Universidade Popular, onde ensinou a tocar a algúns dos mellores gaiteiros que hoxe se poden escoitar en Galicia e onde se encargou tamén de transmitir os seus coñecementos no eido da construcción de instrumentos musicais populares. Antón Corral foi tamén fundador da banda de gaitas Xarabal.

Pedro Díaz Álvarez é unha persoa polifacética que acompañou a súa tarefa principal de ensinante con outras actividades como a arqueoloxía. Moitos vigueses coñeceron a historia da cidade a través do maxisterio de Pedro Díaz. Foi autor da mellor guía publicada sobre o barrio histórico de Vigo ”A caracola de Pedra”. O Concello de Vigo debe agradecerlle tamén a cesión dunha importante colección de pezas arquolóxicas da época megalítica e do período castrexo, que agora forma parte do patrimonio da cidade.

O Padre Carlos Ortiz Ramos, da Asociación Galega San Francisco, conseguirá esta distinción pola súa atención integral ós diminuídos psíquicos.

Juan Carlos Padín Nieto é o presidente da Federación de Peñas Recreativas ”El Olivo”. Foi rexente e director técnico dunha empresa de artes gráficas, fundador de equipos de fútbol e do Comité de Fútbol Infantil no que se formaron centos de xogadores, organizador do Torneo de Campións, adestrador no San Miguel de Oia durante varios anos e director de campamentos xuvenís. O Concello de Vigo outórgalle esta distinción polo seu labor de organización de actividades de tempo libre e de cohesión social.

A xornalista Carmen Parada será outra das integrantes da lista de ”Vigueses distinguidos”, polo seu traballo informativo en diversos medios de comunicación locais. Nacida na localidade luguesa de Sarria pero viguesa de adopción, foi unha das primeiras mulleres que exerceu o xornalismo no noso país. Traballou durante moitos anos en diversos xornais da cidade. Malia a súa recente xubilación, segue desenvolvendo unha intensa actividade colaborando en diversas publicacións.

O atleta Alfonso Posada Sánchez realizou un traballo constante, variado e recoñecido no ámbito deportivo vigués. Foi colaborador xornalístico en distintas publicacións, delegado da sección de atletismo do Real Clube Celta e adestrador de deportistas de renome.

O membro do Comité de Dirección do Grupo PSA Peugeot-Citroën Javier Riera Nieves participa activamente en organizacións que impulsan o desenvolvemento de Vigo, o seu porto e o contorno industrial, así como en aquelas que potencian a investigación e o desenvolvemento do automóbil. O Concello outórgalle esta distinción polo seu compromiso co futuro estratéxico da cidade.

Sebastián Rodríguez ”Chano” é un dos mellores deportistas que deu a cidade. Quedou demostrado o pasado ano, cando conseguiu cinco medallas de ouro nas probas de natación dos xogos paralímpicos de Sidney. ”Chano”, que é membro do clube Ampfiv, colabora ademais co Concello a través das escolas deportivas municipais.

A presidenta da Asociación Protectora de Animais, Amparo Roger Piñeiro, recibirá a condecoración pola súa constancia no traballo de defensa dos animais e a súa intensa colaboración co Concello nesa tarefa. Amparo Roger preside a Sociedade Protectora desde 1985. O seu traballo desinteresado permitiu ofrecer refuxio a centos de cans abandonados.

O médico Antonio Sierra Calvo gañou no 1955 a praza de médico interno residente no ”Pirulí”, hoxe Hospital Xeral. Despois de traballar en distintos centros de saúde da cidade, pasou a ocupar a praza de xefe de Servicio de Medicina Interna no Hospital Municipal, en Povisa e no Hospital da Cruz Vermella.

A voceira da Asociación de Enfermos Musculares, Carmen Vilaboa, obterá o recoñecemento ó seu labor a prol da creación dunha cidade adaptada ás necesidades de todas as persoas a través da eliminación das barreiras arquitectónicas. Asemade, representa un exemplo de coraxe e superación persoal para todos aqueles que teñen que enfrontarse a unha enfermidade que lles impide desenvolverse con normalidade.

O colectivo de traballadores de Mar distinguiuse por manter unha dura e prolongada batalla na defensa dos seus dereitos laborais tralo peche da que foi unha ds empresas máis significativas do sector pesqueiro da cidade. O Concello valora a súa constancia e tamén a súa habilidade para buscar solucións ós seus problemas aportando ó mesmo tempo un beneficio para a cidade, como a posibilidade de construír un pazo de congresos á beira mesmo da ría.

A Asociación Rosalía de Castro foi elixida por ser unha das máis veteranas e tamén das máis nutridas asociacións de mulleres da cidade. É impulsora de actividades culturais e de ocio, destinadas ás mulleres de Cabral, e incentiva a participación activa para a promoción da igualdade.


Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003