Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
luns, 17 de marzo 2003

Imprimir | Enviar

Camilo Nogueira, escultor urbano




Galería de imaxes


Biografía

As relacións entre o escultor Camilo Nogueira e a cidade de Vigo foron moi estreitas ó longo da vida do artista.

Naceu no barrio do Calvario, en 1904 – era daquela Lavadores concello independente- do cal será veciño ata á súa morte en 1982.

Alumno das "Escuelas Nieto" primeiro, logo da Escola de Artes e Oficios (1920-27) onde adquire a profesión de tallista e carpinteiro á que familiarmente parecía predestinado.

Os anos 30 son os do seu lanzamento profesional e artístico tras breve estadia en Madrid pensionado pola Deputación de Pontevedra. En 1932 realiza a súa primeira gran obra en granito ("Monumento ós mártires de Sobredo"). De 1934 data a súa participación nas reformas que por entón facía o arquitecto Palacios no teatro García Barbón de Vigo.

Casado con Teresa Román, coa que terá tres fillos, dispon xa nesta época de obradoiro propio na cidade, na rúa Urzáiz, despois o definitivo no camiño de San Roque onde chegarán a traballar ata 17 operarios.

Estes anos tamen son os da participación de Camilo Nogueira na vida intelectual viguesa, especialmente nas tertulias do café Derby onde acudían membros destacados do partido galeguista ó que tamen el pertencía.

A guerra civil, as restriccións económicas, provocan a despedida de todo o persoal do obradoiro e o comezo do traballo en solitario que xa non abandonará.

Nos anos 40 cambia a súa linguaxe artística pero mantén ascendente a súa traxectoria. En 1946, na sala Foto-Club de Vigo, o alcalde Suárez Llanos merca para o museo municipal, dúas obras en madeira: Mundo, 5.000 pesetas; Natureza 13.000 pesetas. Renovos, a terceira obra do autor no museo, non chegará ata 1951.

Para entón sen embargo Nogueira está dedicado case en exclusiva á pedra. Nos 50, 60 e 70, Nogueira conságrase como o escultor de Vigo realizando distintas obras con destino ó ornamento público de edificios, prazas e xardíns da cidade.

En paralelo, dende 1946 e ata 1977, é profesor de escultores (Xoán Piñeiro, Silveiro Rivas, etc...) na Escola de Artes e Oficios.

Nos 70 continúan encargos, premios e as exposicións. Pola idade diminúe o ritmo de traballo pero non a proxección pública e social do escultor converténdose nunha das voces do barrio do Calvario ata a súa morte. En 1987, por petición das e dos seus veciños , dedícaselle unha rúa en Vigo.

Madeira: primeira expresión

O primeiro material que Camilo Nogueira coñeceu como escultor foi a madeira. Nacera nunha familia moi ligada á carpintería, á construcción e á ebanistería. O pai, avó e tíos maternos, foran autores de importantes obras no Areal, e mesmo un deles, Enrique Martínez Silva, intervira na construcción do edificio El Moderno.

Co tío Modesto, que tiña obradoiro en Llorente, nº 14, Camilo Nogueira inicia a súa aprendizaxe. Coñecemos das súas habilidades nesta época porque con dezaoito anos o tío delega nel a realización da maior parte do artesonado de madeira do Castelo de Monterreal, actual parador de Baiona, que por enton se reparaba. Precisamente este mundo do taller será o tema dunha das súas primeiras obras: a rifa do tío Modesto cun dos empregados (1925-1926), obra logo refeita en retratos individuais.

Estas primeiras pezas en madeira presentan xa a linguaxe característica de Nogueira dende os anos 30 ata a guerra civil, unha fórmula expresionista voluntariamente primitiva emparentada directamente con Asorey e especialmente con Bonome a quen admiraba. Pola súa militancia galeguista os temas son extraídos directamente do país, ás veces como pura anécdota (Reprensión; No enterro; Nais; etc...) ou cun carácter social e moralizante máis visible (Orfos do mar; Os fillos do mar; Solos; etc...). Nalgunha destas obras Nogueira superará a simple estampa popular e avanza cara á alegoría ás veces de rara interpretación onde a acento expresionista faise máis ferinte (“O premio da vida” (1934)). A retratística en madeira, en busto o de corpo enteiro, ocupará tamen boa parte da súa producción nesta década dos anos 30.

Dispón por entón de obradoiro de seu e conta con axudantes para facer fronte ós cada vez máis numerosos encargos de mobles e tallas. E, anque xorde xa algún traballo en pedra, a madeira segue a ser a materia do seu traballo case exclusivamente nesta década especialmente a acacia australiana, o freixo, e o buxo para esculturas de pequeno tamaño.

A arte oficial que dominará España na posguerra e o feito de traballar con moita frecuencia para os estamentos públicos fará evolucionar a linguaxe de Nogueira cara a unha maior depuración das formas de xeito que, se os temas seguen sendo practicamente os mesmos, agora fanse cunha severa e clásica monumentalidade que alcanzará, non obstante, as súas mellores expresións na pedra que, dende os 50, será dominante na súa obra.


Natureza. Orixe e destino

"Naturaleza" supón a culminación dos traballos en madeira de Camilo Nogueira e o pleno dominio do oficio de tallista. O propio autor consideraba esta a súa mellor obra.

Por unha breve reseña e fotografía de Faro de Vigo de 14 de agosto de 1946 coñecemos que nesa data a obra estaba xa perfectamente terminada con destiño a unha exposición en Barcelona. A finais de ano "Naturaleza" está nembargantes en Vigo, na sala Foto-Club, xunto a outras tallas do autor como "Mundo". Alí mercaranas o alcalde Suárez-Llanos para o museo municipal que facía daquela ó seu décimo aniversario. A papeleta de pagamento do Concello, do 16 de xaneiro de 1947, indica que o prezo de Natureza foi 13.000 pesetas.

Esta escultura é sen dúbida unha das obras máis apreciadas polo público de Castrelos que admira as habilidades técnicas das que fixo gala Nogueira para saber extraer das formas casuais que a natureza ofrece un relato simbólico cheo de vida.

A historia di que Nogueira atopou un toro de acacia aínda con raíces e algunhas ponlas e que, aproveitando as propias formacions leñosas, fixo xurdir a figuración. Na base aínda se detectan as raíces e as distorsións dalgunhas figuras parecen remitir as caprichosas formas das ponlas. Non obstante a obra non se fixo dunha única peza senón que recibe ensamblaxes doutras que fan máis acabado o conxunto.

A propia materia reclamou pois a forma nun sentir moi miguelanxelesco. E xurdiu así o conxunto piramidal de figuras femininas arremuiñadas, en ascenso ou caída, formando un guéiser impetuoso de mulleres que manan da terra, en torno ó eixo simbólico da serpe biblíca e cun home ausente dorminte. Esta composición inestable pero de gran unidade plástica emparentase cos traballos do escultor nórdico Vigeland no Parque Frogner de Oslo (1908-1910) a quen Nogueira admiraba, pero tamen cos sarcofagos helenísticos, ou o relevo de centauros e lapitas de Miguel Angel, ou as sensuais composicións de figuras femininas vencelladas plenamente á natureza de Gustav Klimt (Jugendfrau). Pero tamén o asociamos as turbadoras composicións escenográficas do barroco, ou do neobarroco,por exemplo o palacio da Ópera de París.

Pedra. Escultor de Vigo

Vigo experimenta unha ampla remodelación urbana dende mediados do século XX que se acentúa especialmente nas décadas dos 60 e 70. O Concello impulsará neste contexto o engalanamento de parques, prazas e xardíns con escultura pública, sobre todo nas zonas da Alameda ou o Monte do Castro.

Anque Nogueira fixera xa algúns traballos en pedra nos anos 30, este material non será case exclusivo na súa producción ata este momento en que se produce gran demanda de obra para exterior.

Comezan entón a aparecer as súas meirandes esculturas feitas a propósito para o espacio urbano.

Os motivos reflectirán en xeral o bóom económico que experimenta nesa época a sociedade viguesa de xeito que aparecerán representadas a ledicia de vivir, a gracia, a ironía, a emotividade; pero tamén o valor do esforzo colectivo e do traballo.

A serie máis temperá que Nogueira realiza para a Alameda corresponde a finais dos anos 40 e comezos dos 50. Son basicamente escenas de grupo protagonizadas por pícaros e animais (Alborada; Tartaruga; Caracol; O cisne; Nenos debaixo do paraugas). Os nenos remiten, polas súas formas carnosas, ós anxelotes do románico e o barroco, pero tamén claramente ós que fai Laxeiro, tan amigo de Nogueira. O gosto por animais, que reaparecerá nos 70, ten máis que ver co seu admirado Compostela.

Con motivo dunha nova remodelación da zona, Nogueira fará para a Alameda outra serie de obras sobre o traballo e os sacrificios que este leva consigo (O Forxador; O Mariñeiro; Ansiedade; e Fartura) que se inauguran na súa maioría nun acto público do 27 de marzo de 1966.

Moita obra de Nogueira irá destinada nos 60 a embelecer tamén o monte do Castro reafirmado como gran parque da cidade baixo o mandato do alcalde Portanet. Do grupo (Peixeira; Musas; Cachiño; A roda; Cisnes; Xirafas) sobresae polo seu alto valor simbólico o grupo “Mariñeiros portando o escudo de Vigo” de 1969.

Tamén a obra de Nogueira engalanara edificios (Estación Marítima, Seguros Aurora) e outros xardíns ou prazas (Monumentos a Xoán XXIII e Don Bosco; Maternidade de Bouzas; Virxe do Carme nas instalacións da ETEA). Algúns deles fíxeronse entrañablemente populares como os Nenos que sosteñen o escudo da cidade no mirador do Paseo de Afonso.

A derradeira obra pública de Nogueira en Vigo é con probabilidade o Monumento ó emigrante inaugurado en xullo de 1971. Transcurrirán ata vinte anos para que Vigo recupere o interese pola decoración urbana. E precisamente será un dos seus alumnos, Silveiro Rivas, quen vaia entre outros, protagonizar a nova etapa.
Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003