Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
mércores, 18 de decembro 2002

Imprimir | Enviar

Un Museo de Arte Contemporánea para coñecer as novas creacións culturais




A Súa Alteza Real Felipe de Borbón inaugurou o 17 de decembro de 2002 o Museo de Arte Contemporánea e visitou as dúas coleccións expostas no centro acompañado polo alcalde, Lois Castrillo, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, os patróns da Fundación, e membros da Corporación municipal.

O Príncipe de Asturias descubriu a placa inaugural, saudou ao comité de recepción e realizou un percorrido polo centro museístico no que atendeu as explicacións da directora, Carlota Álvarez Basso, sobre a rehabilitación arquitectónica do edificio e as exposicións Cardinais e Atlántica.

Exposicións temporais

A identidade do Marco baséase no seu dinamismo e no seu espírito participativo, tarxeta de presentación do museo para os cidadáns e referente do mesmo ante outros centros de arte contemporánea de España e, en particular, do contorno xeográfico galego.

As exposicións temporais, dedicadas á producción artística recente nos máis variados eidos creativos (artes plásticas, arquitectura, vídeo, arte na rede, deseño, cine, música, moda, etc.), son a actividade principal en torno á que se articula o resto da programación do centro. O museo ten tres liñas de programación expositiva: unha baseada en mostras pluridisciplinares sobre arte e cultura actual, de ámbito nacional e internacional: outra que fomenta a investigación, as revisións históricas e maila recuperación de autores e movementos artísticos galegos de producción vinculada a linguaxes vangardistas e, por último, a sala de exposicións do edificio anexo, dedicada a produccións de artistas emerxentes.

No salón de actos do Marco, prográmanse regularmente seminarios e conferencias, así como ciclos audiovisuais de interese. Co fin de difundir as actividades que se realizan no museo, estase a desenvolver unha liña editorial propia con catálogos, folletos divulgativos das exposicións e boletíns didácticos.

Marco nace co obxectivo fundacional de se converter nun sinal de identidade para os vigueses e nunha plataforma para a proxección da cidade e de Galicia no exterior.

Biblioteca, hemeroteca e mediateca

A biblioteca, cunha sala de lectura con 36 postos, contará cun fondo bibliográfico especializado en diversos eidos da cultura actual: arte, escultura, performance, fotografía, cine, arquitectura, deseño, novas tecnoloxías, música, arte e ensaio, etc.

Dado que as revistas especializadas en arte contemporánea se converteron nunha ferramenta indispensable de traballo tanto para os profesionais dos museos, profesores e formadores, como para os propios artistas, Marco creará unha hemeroteca de arte actual, composta por revistas especializadas, cunha zona específica de lectura.

O museo conta tamén cunha mediateca, con 5 monitores, onde o público poderá visionar de xeito privado e “á carta” a colección audiovisual do museo, especializada en videoarte, películas e vídeos realizados por artistas, documentais sobre artistas e filmografías de cineastas de culto.

Programas didácticos para escolares

Marco ofrece gratuitamente a tódolos escolares da área metropolitana de Vigo a posibilidade de realizar visitas guiadas e talleres específicos en torno ás exposicións programadas no museo. As actividades están dirixidas ós alumnos de Educación Primaria, Secundaria e de Bacharelato, de centros públicos e privados, con idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos.

Actividades para familias e nenos

Co fin de familiarizar os cidadáns coa arte contemporánea, programáronse talleres e actividades lúdicas que permiten ós participantes experimentar coa arte, poñendo a funcionar a creatividade dos máis cativos e dos adultos.

As actividades para familias inícianse cunha actuación de títeres no salón de actos, seguida dun taller, onde tódolos membros da familia participan nunha sesión de manualidades que estará intimamente relacionada co tema ou a corrente artística tratada durante a representación. As funcións teatrais duran trinta minutos e as actividades na sala de talleres son de aproximadamente 60 minutos.

Asociación de Amigos do Museo

Un dos obxectivos básicos do Marco é conseguir que a sociedade viguesa teña unha actitude participativa ante o novo museo. Para iso púxose en funcionamento un programa de socios que aglutine a todas aquelas entidades e particulares que desexen colaborar no desenvolvemento do mesmo.

Fundación Marco

A Fundación estará dedicada á realización de actividades culturais de investigación, educación, formación, conservación, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporánea, con particular atención á producción artística da Comunidade Galega, así como a estatal e internacional, mediante a adquisición, a conservación, o estudio, a exposición e interpretación educativa de obras de arte contemporánea, ó tempo que deberá impulsa-la estimulación da sensibilidade da sociedade cara á cultura actual.

Cafetería-restaurante “Marcelinopanyvino”

O restaurante do museo está rexentado polo vigués Marcelino Tejedor, considerado o mellor cociñeiro novo do ano 2001 pola prensa especializada de España. Cunhas receitas baseadas na pureza de conceptos, o coidado das materias primas e mailo emprego de técnicas de vangarda, o restaurante do Marco ofrecerá durante o día os servicios habituais dunha cafetería, cun menú diario, e pola noite, o internacionalmente premiado chef sorprenderá co seu menú degustación de alta calidade.

Tenda-librería especializada

As tendas dos museos adoitan ser a última parada dos visitantes do centro. A librería do Marco disporá dun amplo fondo bibliográfico especializado, así como de publicacións específicas e as do propio museo. A tenda, con productos orixinais vinculados á arte actual, aspira a ter unha identidade propia dentro do museo e da cidade, baseándose na calidade e orixinalidade dos seus productos.

Páxina web

O Museo de Arte Contemporánea conta cunha páxina web que facilita información sobre o museo e reflicte en internet a súa actividade e exposicións. O deseño baséase na propia identidade corporativa do museo, adaptada ás posibilidades de internet e buscando o máximo dinamismo, co fin de transmitir unha imaxe dinámica e activa da páxina web, en consonancia co proxecto museístico. Desde o punto de vista técnico, destaca polo uso da tecnoloxía flash e pola xestión dinámica dalgúns contidos, soportados por bases de datos. En definitiva, como unha imaxe na que todo flue en constante movimento.

Os contidos da web son moi amplos e cobren as principais necesidades dos visitantes: información xeral sobre o Marco e a Fundación, cunha explicación detallada da orixe do proxecto, da organización do museo, do proxecto arquitectónico, etc: datos prácticos sobre o museo, para facilita-la visita ó mesmo: información actualizada sobre as exposicións e outras actividades celebradas no museo.

Alianza estratéxica

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo integrouse na Alianza Estratéxica de Museos, xunto co Artium de Vitoria e co Centro de Arte José Guerrero de Granada. Esta unión permite a creación de programas conxuntos e o préstamo e depósito patrimoniais.

O Marco xa forma parte da Rede Española de Museos, que propón unha relación integrada na que considera a totalidade das actividades museísticas de cada membro integrante como obxecto posible de colaboración futura. O modelo de colaboración que establece esta Rede é a Asociación Estratéxica de Museos, que posibilita modelos de xestión cun carácter estructurado e normalizado.

A coproducción de mostras, a creación de programas conxuntos, o intercambio de experiencias e información e o préstamo e depósito patrimonial son algunhas das premisas desta Alianza Estratéxica.

Outras das propostas son a complementariedade e o apoio mutuo entre as coleccións, a edición de publicacións compartidas, a edición dunha publicación periódica como órgano de expresión propio e a colaboración humana e técnica. O establecemento de lazos de colaboración con redes semellantes formalizadas por museos internacionais e a presentación de exposicións e artistas españois son outras das súas pretensións. Establécese tamén a presentación de novos artistas de cada lugar nos demais museos que integran a Alianza.

Exposición inaugural: Atlántica

As cinco exposicións de Atlántica non foron un feito illado no ambiente transformador que se respiraba en Vigo na década dos 80 do século pasado. Esta mostra foi concibida como un eido de investigación multidisciplinar, que abrangue o período de 1978 a 1986, e inclúe tamén a creación viguesa noutros eidos como a música, poesía, edición gráfica, videocreación, performance ou o teatro.

En España a transición democrática e mailos seus consecuentes cambios sociopolíticos trouxeron consigo unha efervescencia creativa pouco común en tódolos eidos da cultura: artes plásticas, teatro, música, arquitectura, audiovisuais, literatura, poesía, banda deseñada, deseño, moda, etc. Foron tempos de frenética actividade política e cultural que modificaron fonda e definitivamente os hábitos sociais dos españois, acadándose unhas cotas de consumo cultural non coñecidas ata o momento.

A cidade de Vigo non se mantivo allea a este proceso, manifestándose como unha das urbes máis activas e creativas do Estado. No ano 1980, tivo lugar un evento que se enmarcou neste contexto: o nacemento de ATLÁNTICA, un colectivo de artistas e intelectuais unidos por unha vontade común de renovación, que traballaban cun enfoque creativo radicalmente innovador e integrador co resto do mundo, logrando as súas obras transcender a escala española e internacional.

A proposta expositiva foi estructurada en tres ámbitos distintos: unha exposición de artes plásticas no primeiro andar do museo, unha mostra de documentación, instalada no Espacio Anexo, e un catálogo exhaustivo de máis de 600 páxinas.

Este triple enfoque era unha condición sine qua non do proxecto orixinal, aínda que a mostra de documentación foi gañando corpo a medida que avanzaban as investigacións de arquivos privados en domicilios particulares de Galicia e Madrid.

Tanto é así que aqueles documentos que non caben nos espacios designados para as exposicións estarán a disposición dos investigadores na biblioteca do centro.

Realizouse unha montaxe secuenciada en torno a determinadas poéticas, moitas veces persoais ou de afecto pero, sobre todo, centradas na especificidade das linguaxes e do propio espacio, sen descoidar un sentido simbólico que se reforzou no percorrido.

Isto explica que a primeira sala estea dedicada ó núcleo fundador –Guillermo Monroy, Antón Patiño, Menchu Lamas e Ánxel Huete-, punto de partida dun discurso estético baseado na complexidade e na convivencia de situacións.

Segue un espacio-homenaxe a aqueles artistas de Atlántica xa falecidos: Reimundo Patiño, José Lodeiro, Mon Vasco, Rafael Baixeras e Francisco Mantecón.

Un espacio-camiño que dá paso a outra nova sala, vinculada, xeracional e esteticamente, ó grupo de artistas fundadores: Antón Lamazares, Manuel R. Moldes, Francisco Leiro, José Freixanes e Xesús Vázquez. Aproveitándonos da súa fragmentación, reforzámo-la individualidade do espacio para que a obra dos diferentes artistas conviva coas menores interferencias posibles, aínda que, eso si, sen deixar de lado os diálogos necesarios, como sucede nos casos de Manuel Facal ou Xaime Cabanas e no despregamento lonxitudinal dalgunhas salas: Manuel Ruibal, Antón Goyanes, Ignacio Basallo, Luís Borrajo e Silverio Rivas, confrontando situacións diverxentes.

A derradeira sala, a perimétrica, que pecha o percorrido recolle, de xeito individual, as obras de Xavier Correa, Alberto Datas, Armando Guerra e Manuel Quintana.

Se ben é certo que en ATLÁNTICA participaron outros artistas invitados a algunhas das súas cinco exposicións, a selección fíxose atendendo ós que na actualidade teñen consolidado unha idea de proxecto que consagra as vellas pescudas daqueles primeros oitenta. Algúns —moi poucos— quedaron no camiño, e aínda que a súa participación no colectivo non se poida desbotar, a súa mención limítase ó extenso catálogo que documenta a historia de ATLÁNTICA.

Esta extensa publicación cumpre dúas funcións nunha: recompila-las obras da exposición e servir de soporte para amosar ó público os variados e valiosos documentos (fotografías persoais, postais, artigos de prensa, invitacións a concertos ou a exposicións, carteis, revistas...) rescatados de arquivos privados.

Necesariamente a investigación estendeuse a un eido da creación viguesa tan xenuíno e transcendente como a música, dado que moitas das cancións de Siniestro Total, Golpes Bajos, Os Resentidos ou Aerolíneas Federales (ou o grupo de poesía “Rompente”, liderado polo polifacético Antón Reixa) forman parte do imaxinario colectivo de tódolos españois e das españolas que viviron aqueles “movidos anos 80”. Por iso, paralelamente, MARCO editou un disco onde se poden escoitar en continuidade (no Espacio Anexo) os temas máis significativos daqueles anos seleccionados por Julián Hernández (Siniestro Total), Gonzalo López (Directivo de BMG) e Antón Reixa (Os Resentidos).

Exposición inaugural: Cardinais

A metamorfose do edificio do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, de centro penitenciario e sede dos xulgados en centro de arte, é o argumento que tomaron os comisarios, Bartomeu Marí e Dirk Snauwaert, para estructurar unha das exposicións inaugurais, Cardinais, de xeito que o museo abre as súas portas cunha mostra dedicada ó seu propio edificio.

Ámbolos dous consideraron que a súa particular historia, a súa estructura panóptica, baseada nun concepto orixinal de Jeremy Bentham (1748-1832), a súa actual remodelación e maila súa transformación en museo eran temas suxestivos que podían seren un bo motivo ó redor do cal articular unha exposición de arte contemporánea internacional.

A montaxe da mostra, de carácter narrativo, baséase nese tránsito. Nas primeiras salas vanse amosar obras relacionadas co universo da reclusión e coa arquitectura panóptica. Nela inclúense 5 gravados orixinais dictados por Bentham ó seu debuxante, prestados pola University College of London.

As salas e patios que seguen reúnen obras de arte con exemplos de diferentes dispositivos da visión: instalaciones que tratan sobre a tecnoloxía destinada ó control e á vixilancia, a tecnoloxía que traballa sobre a deconstrucción da imaxe, instalacións realizadas con microscopios, instalacións de vídeo, etc.

Para remata-lo percorrido dedicouse unha sala ó sentimento lúdico, á escapada e á procura de liberdade.

O atractivo do tema e mailo interese da proposta quedan manifestos no elenco de artistas participantes, que ofrece un excelente rastrexo da diversidade da producción artística actual, ó tempo que actúa sen prexuízos de idade, de fronteiras, ou de soportes: 26 artistas de 13 países (Albania, Alemaña, Arxentina, Brasil, España, EEUU, Finlandia, Francia, Holanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Suecia) que abranguen diferentes xeneracións, dende Nicolas Schöffer, nado en Kolocsc (Hungría) en 1912, ata Anri Sala, nado en Triana (Albania) en 1974.

É tamén unha mostra transecular, xa que inclúe dende os gravados de Bentham (1791) ata as últimas produccións en vídeo de Sergio Prego —creacións de 2002 que se exhiben nun televisor de plasma— pasando por fotografías, proxeccións de vídeo ou de diapositivas, debuxos a carbón, esculturas, instalacións, etc.

CARDINAIS desprégase en tres seccións que van dándose paso unhas ás outras no percorrido das salas do museo, dende o seu centro visual e arquitectónico cara ás galerías e, finalmente, os grandes patios acristalados.

A primeira sección está dedicada ós fenómenos de control, vixilancia e orde na sociedade. Facéndose eco da formulación orixinal de Jeremy Bentham (1748-1832), a prisión panóptica é un instrumento para reinserir na sociedade a aqueles individuos cunha conducta que os fai excluíbles. A prisión é un instrumento de control e punición organizado sobre a economía do espacio e maila eficacia da vixilancia. Esta vixilancia é ocular e sitúa o vixilante na posición de poder controlar dende un único punto o contido e maila evolución do conxunto. O panóptico é unha estructura estática. Nesta sección pódense atopar obras como as esculturas e instalacións dos británicos Langlands & Bell, vídeos de Annika Larsson, debuxo do panóptico de Jeremy Bentham, ou unha instalación multi-media de Harun Farocki. Outros artistas relacionados con esta sección son: Muntadas, Tony Oursler, Montserrat Soto, Rui Chafes e James Casebere.

Oposta á primeira, unha nova sección abordará o tema da escapada, a fuxida cara a un novo horizonte, o desexo de liberdade e maila viaxe a outra parte. Oposto á opacidade e á inmobilidade na que vive o recluso, atópase o individuo na procura de novas metas, a paisaxe aberta e maila experiencia dun tempo en constante movemento, abrupto, trepidante. Poderase gozar aquí de obras como as series fotográficas de Esko Männikkö, unha obra cinematográfica de Tacita Dean, documentos de Constant Nieuwenhuis sobre a súa cidade-mundo ideal New Babylon, a catedral do pracer de Nicolas Schöffer, ou Bas Jan Ader e Jorge Barbi.

Entroncadas coa estructura do panóptico e mailo seu particular resumo do tempo, unha serie de obras exemplificarán a importancia que o dispositivo visual, a máquina de ver e mailos aparellos escenográficos adquiriron na creación contemporánea. Obras de Eulalia Valldosera, Sergio Prego, Anri Sala e Pavel Althamer, entre outros. Dende a relación interior-exterior, a visión panorámica será introducida como correlato negativo do panóptico, a arquitectura circular estará considerada como un loop espacial, e a sucesión de imaxes como materialización do desexo de totalidade.

CARDINAIS non é unha exposición demostrativa, senón evolutiva e representativa. Será evolutiva porque vai estructurarse en forma de vaivéns visuais e de contido, fuxindo da linealidade. Será representativa porque vai aborda-la necesidade actual de relectura da historia recente da arte, fóra de cánones oficiais e aberta a novas perspectivas formais e intelectuais. A exposición non busca instituír novos nortes na arte de hoxe, senón ser un punto de encontro dende onde mirar arredor dun mesmo, cando o mundo creceu tanto que a súa cartografía se volveu case imposible.

Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003