Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
xoves, 15 de marzo 2001

Imprimir | Enviar

Vigo contará cun novo parque forestal en San Andrés de Comesaña





A Concellería de Parques e Xardíns iniciou a primeira fase dun proxecto de acondicionamento do parque forestal de San Andrés de Comesaña, co fin de destinalo a lugar de lecer e esparcemento nun contorno natural con excelentes vistas panorámicas.




Esta zona recreativa de monte comunal esténdese nunha superficie de 29.200 metros cadrados cunha orografía irregular producto dun antigo recheo nunha vagoada natural.

Desde o lugar no que se instalarán mesas e barbacoas para comer, previa preparación do terreo, pódese baixar ata o río Talliños. A auga do río forma unha poza na parte superior do parque e descende en fervenzas ata o lugar onde se atopan tres antigos muíños que van ser rehabilitados por alumnos do Plan Municipal de Emprego (Promil) a través da Concellería de Patrimonio Histórico.

A actuación de acondicionamento deste parque consistirá na realización de explanadas destinadas a aparcamento, nun valado de madeira, na instalación dun palco, mesas, bancos, barbacoas e paneis de sinalización, entre outros. Ademais, dotarase o lugar de auga potable e de servicios hixiénicos para os visitantes. Esta primeira fase da actuación conta cun orzamento de cinco millóns de pesetas e conta con finalizar nun prazo de catro meses. A iluminación precisa instalarase con posterioridade, nunha seguinte fase de actuación.





As zonas recomendadas para pasear son a baixada polas beiras do río, con sinalización do GR-53, onde predominan carballos, castiñeiros e piñeiros, e a visita ó outeiro, desde onde se pode apreciar unha panorámica da ría e das illas Cíes ó fondo.

As especies de árbores que se van plantar son carballos roxos americanos (Quercus rubra), salgueiros (Salix atrocinerea), bidueiros (Betula alba) e amieiros (Alnus glutinosa). Procederase tamén á eliminación de toxos e de matogueiras e á limpeza dos carreiros coa premisa de intervir o menos posible neste espacio natural.

O visitante pode situarse na zona máis alta do parque sobre enormes penedos de formas irregulares acomodados na ladeira. Desde este lugar, a vista esténdese sobre as leiras cultivadas e aumenta o número de vivendas achegándose ó mar que contrastan, ó lonxe, cos modernos edificios do centro da cidade.

A principal forma de acceso a este parque é desde Matamá, collendo á man dereita por Fonte de Alvite. Desde a parada do autobús urbano que vai ata Matamá, perto da igrexa de San Amaro, pódese iniciar un percorrido de media hora a pé ata o parque. As liñas do Vitrasa que chegan ata estes lugares son a 9 e a 17, cunha frecuencia horaria de 30 minutos.














Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003