Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
venres, 13 de decembro 2002

Imprimir | Enviar

O alcalde reclámalle ao Goberno un plan para extraer fuel do Prestige




O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, esixiulle ao Goberno central que poña en marcha un plan para extraer o fuel que permanece nos tanques do Prestige, afundido a máis de tres mil metros de profundidade fronte ás costas galegas. Castrillo considera que non se pode condenar a Galicia a continuar recibindo durante meses mareas negras procedentes do barco.

Cando se cumpre un mes do accidente do petroleiro, o alcalde de Vigo, manifesta que a poboación mariñeira de Galicia está en permanente tensión agardando que novas manchas de fuel poidan chegar ás rías. Castrillo cre que o Goberno non pode seguir permanecendo impasible ante esta situación e reclámalle que adopte medidas para que o Prestige non continúe sendo un surtidor de fuel durante meses. “Cómpre que se habiliten medios para frear a contaminación: non poden ser os mariñeiros os que asuman esa tarefa en solitario coa única colaboración dos concellos”, dixo o alcalde.

A xornada de hoxe foi tranquila na ría de Vigo, onde non se observou a entrada de novas manchas de chapapote. O traballo centrouse nas illas Cíes e nos areais de Barra, onde os voluntarios seguen limpando os restos de hidrocarburo que arrastrou a marea. A masa de fuel que ameaza agora as rías encóntrase a unhas 38 millas de cabo Silleiro.

Castrillo pídelles aos sindicatos que presionen a Unión Europea para evitar o tráfico incontrolado de mercadorías perigosas

O alcalde, Lois Castrillo, pediulles aos sindicatos que trasladen ás centrais europeas a petición de que emprendan accións ante as autoridades da Unión Europea para evitar que se continúe realizando o transporte marítimo incontrolado de mercadorías perigosas.

O alcalde recibiu os secretarios xerais de UXT e CCOO, Cándido Méndez e José María Fidalgo, que lle manifestaron a súa solidariedade ante a traxedia do vertido do petroleiro. Os sindicalistas explicaron a necesidade de darlle unha dimensión europea ao feito e a toma de medidas na seguridade marítima.

Fidalgo e Méndez amosaron a solidariedade cos traballadores da ría Vigo e o compromiso sindical a favor da recuperación económica ante os danos causados pola catástrofe. Explicaron a necesidade de tomar medidas na seguridade marítima para que non se volva repetir unha situación coma esta nunca máis.

Unha delegación dos Verdes interésase pola situación en Vigo

Os responsables do Partido dos Verdes en Portugal trasladáronse a Vigo para amosar a súa solidariedade e coñecer o funcionamento do gabinete de crise do Concello. Santiago Domínguez explicou que viñeron para comprobar a situación actual e as medidas adoptadas para minimizar os danos do vertido de fuel.

O concelleiro expúxolles os antecedentes da catástrofe e manifestoulles a indignación da xente do mar e do pobo galego ante o abandono das administracións autonómica e central. Afirmou tamén que o gabinete de crise do Concello de Vigo consultou, desde o primeiro momento, a información facilitada polo Instituto Hidrográfico portugués e cualificouna como a máis acertada en canto á previsión e descrición dos acontecementos.

Trasladoulles “a traumática situación que están a vivir os homes do mar encargados de limpar a costa contaminada e a ruína que vai supoñer para a pesca, ecoloxía, turismo e economía”. Por este motivo, afirmou que Portugal e Galicia teñen intereses comúns que hai que defender.

A deputada parlamentaria europea dos Verdes Isabel Castro amosou a solidariedade do partido e do pobo portugués cos afectados pola catástrofe e “a rabia ante o abandono institucional neste desastre de grandes dimensións”. Desde o punto de vista dos Verdes, a Unión Europea ten responsabilidades neste suceso e non é aceptable que os comisarios non se achegasen ata aquí para coñecer a situación real. “Probablemente o barco continuará a derramar o producto altamente tóxico e rompa a súa estructura o que acabará por provocar unha catástrofe superior ante Galicia e Portugal”, dixo Castro.

A Unión Europea ten que asegurar compensacións e apoios para a economía das actividades pesqueira, marisqueira, turística e comercial das zonas afectadas, sinalou Castro. Propuxo tamén a implicación da Rede Natura e o apoio decidido durante un longo período no ámbito social.

Os Verdes propoñen ante o Parlamento europeo a prohibición de paso de navíos monocasco que transporten substancias perigosas, xa que o 30% do comercio marítimo internacional pasa por augas galegas e lusas, a posta en marcha dos paquetes de medidas Erika I e II, a inspección de portos, a revisión do calendario das bandeiras de conveniencia, a inspección de barcos cada seis meses, o afastamento dos cordóns de pasaxe e a adopción de zonas libres de substancias perigosas en lugares de sensibilidade ecolóxica.

Solicitan tamén a declaración desta catástrofe como crime contra os océanos por seren patrimonio da humanidade, polo que desde o punto de vista do dereito internacional deben buscarse os culpables desta desfeita. Ademais, queren a creación dun fondo especial de protección dos océanos en caso de accidente financiado polas petroleiras.

Outro dos aspectos solicitados é a intervención da ONU, que debería mandar forzas especiais para as castástrofes ecolóxicas.

Concerto de solidariedade Galicia-Bretaña

O pavillón das Travesas será o escenario do concerto solidario Galicia-Bretaña que organiza o Concello de Vigo a prol dos afectados pola marea negra do Prestige e para axudar a cubrir as necesidades urxentes dos voluntarios de limpeza. As oito e media da tarde dará comezo o concerto no que participan Carlos Núñez, o francés Dan Ar Braz e o bretón Gilles Servat, entre outros.

Será un acto de solidariedade Galicia-Bretaña. Os músicos bretóns, e os bretóns en xeral solidarizáronse con Galicia dende o primeiro intre, lembrando o que eles viviron hai apenas tres anos co Erika. Moitos deles van desprazarse dende alí para participar no concerto. Dan Ar Braz, o músico celta máis popular de Francia e Gilles Servat, cantautor da Bretaña máis solidaria . Haberá ademáis varios bagads (bandas de gaitas e bombardas bretonas) e dende logo músicos galegos.

Músicos, técnicos, organizadores... todo o mundo está a traballar desinteresadamente e os gastos serán cubertos polo Concello de Vigo, de xeito que a recadación destinarase íntegramente ós afectados.

As entradas custan 10 euros, tamén está habilitada unha ”fila cero” para os que non poidan ir e queiran solidarizarse.

Artistas como Paddy Moloney e Alan Stivell non poderán estar presentes no concerto pero enviaron as seguintes testemuñas:

Paddy Moloney do grupo The Chieftains, Dublín. Irlanda

”Laiamonos moito non poder estar con vos nestos momentos importantes para todos e para os nosos ”curmáns celtas” galegos. Os nosos corazóns están con vos. Os enviamos noso amor pola bella Galicia e a súa xente maravillosa. Esperamos estar pronto con vos para axudar en calquera forma que poidamos”.

Alan Stivell, músico francés

”Manifestaría a miña solidariedade doutro xeito pero polo momento quero testimoniaros a miña tristeza e a miña cólera polo pouco caso que se fai á vida dos galegos e de toda a humanidade.

Hai un mes, Carlos mostrarame vosos paisaxes cunha beleza que me conmovera.

¿ é que algún día teremos o poder sobre as nosas vidas?

Os que sementan a morte e fan recoller ouro negro
Os que sementan a morte e fan recoller ouro negro
Os que non aman máis que o ouro, que non aman nin a vida nen o mar
os que non aman máis que o ouro non terán nin paz nin gloria”

Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003