Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
martes, 15 de outubro 2002

Imprimir | Enviar

Vigo, unha cidade que goza de espacios humanizados




O Goberno municipal está a desenvolver unha liña de actuación destinada a crear espacios abertos para o uso dos cidadáns, concibidos como novos lugares de encontro e paseo para o tempo de lecer. Búscase mellorar a paisaxe urbana en zonas con gran densidade de poboación e contribuír a crear un contorno máis agradable para aumentar a calidade de vida dos cidadáns. Trátase de transformar Vigo nun lugar máis acolledor e agradable.

Estas actuacións realízanse non só no centro de Vigo, senón tamén nos barrios. Consisten na creación de zonas peonais e de parques, na ampliación de beirarrúas, na eliminación das barreiras arquitectónicas nos pasos de peóns, no acondicionamento e sinalización das entradas de garaxes, na renovación do mobiliario urbano e na plantación de novo arborado para que as rúas viguesas ofrezan unha imaxe máis amable. Paralelamente a estas accións realízanse traballos para modernizar as redes de abastecemento de auga e saneamento, a canalización dos servicios de gas e cable, a modernización do alumeado público e a renovación do pavimento da calzada.

O Calvario

O primeiro paso do plan de rexeneración do Calvario elaborado polo Goberno municipal consiste nas obras de humanización de Urzaiz, que principiaron no treito comprendido entre as rúas León e Aragón, simultaneamente á construcción de aparcamentos soterrados baixo as rúas Jenaro de la Fuente e Sagunto. O obxectivo desta actuación é frear o declive do barrio do Calvario reactivando a zona como área comercial mediante a intensificación do uso peonal. Trátase de crear un “centro urbano local” que facilite a utilización desa área como zona de ocio e de paseo. O presuposto inicial desta obra foi de 870.000 euros, que se incrementou con 900.000 euros máis para acometer a segunda fase ata a rúa Gregorio Espino. Ademais, aprovéitanse os traballos para renovar as conduccións de saneamento e instalar redes de servicio urbanas.

Estas obras consisten na ampliación das beirarrúas de Urzaiz e na reducción da calzada a un só carril de circulación. Tamén se renova o mobiliario urbano con bancos de madeira, papeleiras de metal e luminarias. Toda a rúa estará flanqueada de árbores. Crearanse dársenas de carga e descarga e instalaranse colectores de lixo soterrados.

Os traballos de reforma da rúa Urzaiz centráronse na primeira fase entre as rúas León e Sagunto. Ampliáronse as beirarrúas a cinco metros de ancho e reduciuse a calzada a tres metros, limitando a circulación de vehículos a un so sentido. O pavimento é de lousas de granito. Plantáronse árbores e instalouse mobiliario urbano para favorecer a creación dun lugar de encontro apropiado para o paseo nunha zona cunha gran densidade de poboación que precisa espacios abertos para o lecer.

Para causar as menores molestias posibles, o Concello executa esta obra en 5 fases diferentes. Desta maneira, facilítase o acceso dos residentes á zona, a circulación polas rúas transversais a Urzaiz e os labores de carga e descarga.

Contorno do Museo de Arte Contemporánea

Outras das zonas nas que se está a desenvolver un ambicioso proxecto de humanización é o contorno do Marco. Xa se executou a remodelación das rúas Velázquez Moreno e Eduardo Iglesias. Ámbalas dúas foron peonalizadas e pavimentadas con lousas de pedra. Instalouse mobiliario urbano e soterráronse os depósitos de lixo para gañar espacio para os viandantes. Ademais, substituíronse os sumidoiros e as tuberías de abastecemento de augas e plantáronse árbores. Na rúa Eduardo Iglesias as obras contaron cun presuposto de 118.000 euros.

Na actualidade estase a traballar na humanización da rúa Progreso. As obras iniciáronse o 26 de agosto de 2002 e dispoñen dun presuposto de 409.638 euros ao que se engade unha subvención da Consellería de Industria de 234.000 euros para o tramo final de Ronda de Don Bosco. Estas obras estarán rematadas na data de inauguración do Marco, o 16 de novembro.

A Ronda de Don Bosco, na súa entrada por Príncipe, terá uso exclusivamente peonal ata a rúa Gil. Dende aí ata Progreso manterá un só carril de circulación. Todo o contorno do Marco será pavimentado con granito e contará con arborado e novo mobiliario urbano. No tramo de Progreso ata Doutor Cadaval retomaranse as obras tralo Nadal, segundo o compromiso adquirido cos comerciantes.

A humanización das rúas Doutor Cadaval e María Berdiales levaron aparelladas reordenacións do tráfico. No contorno da rúa do Príncipe estableceuse un cambio de sentido nas rúas Doutor Cadaval, López de Neira, Lugo e Perú. O motivo primordial destes cambios é dotar de maior mobilidade a zona alta de Príncipe cunha conexión directa á Porta do Sol e Policarpo Sanz. Con esta medida contribuirase a mellorar a fluidez do tráfico na zona centro da cidade.

Barrio Histórico

No Barrio Histórico realizouse unha actuación integral que contempla o pavimentado con lousas de granito, a conclusión e renovación do saneamento e a canalización soterrada dos servicios de telefonía e alumeado. Ademais, instaláronse bolardos retráctiles que permiten o acceso ao tráfico rodado para os residentes, servicios de carga e descarga e vehículos de urxencias. Os residentes na zona dispoñen de tarxetas magnéticas para poder accionar estes dispositivos.

Realizáronse obras de pavimentado, limpeza e rexuntado nas rúas Real, Oliva, adro da Colexiata e na conexión Palma-Oliva. Tamén se renovou a rede de saneamento, soterrouse a rede de alumeado público e dispúxose unha rede de canalización telefónica con acometidas individuais e en canalizacións subterráneas para a posterior eliminación dos tendidos de fachada.

Colocáronse 210 m2 de lousados realizados sobre base flexible na rúa Cesteiros. Os materiais utilizados foron lousas de granito reutilizadas mesturadas con lousas de novo aporte, asentadas sobre base de balastros, lámina de xeotéxtil e tomadas sobre morteiro en seco.

Noutros lugares colocáronse 4.035 m2 de lousados realizados sobre bases ríxidas. Os materiais utilizados foron lousas de granito tostado ou dourado entre as que se mesturan as lousas reutilizadas dos pavimentos desmontados. Ademais, dispuxéronse 943 m2 de pavimento de chapacuña recercado por lousas de granito sobre bases ríxidas.

Substituíronse as redes de saneamento nas rúas da Anguía, Ferrería, Baixada a Herba, Cesteiros e praza da Esperanza. Realizáronse tamén 135 acometidas domiciliarias á rede xeral de abastecemento nas rúas da Anguía, Ferrería, Baixada a Herba, Cesteiros, Real, praza de Almeida, praza da Esperanza e contorno e Poboadores.

Renovouse e completouse a rede de saneamento existente, para o que se empregaron colectores de PVC ríxido de diversos diámetros conectados á rede existente, pozos de rexistro, arquetas de evacuacións domiciliarias e sumidoiros de recollida de augas pluviais.

Substituíronse os tramos da rede de abastecemento que se encontraban deteriorados e mantívose a rede existente que se encontra en bo estado, respectando tódalas acometidas domiciliarias, bocas de rega ou chaves existentes. Ademais, incrementouse o número de bocas de rega.

Dispúxose unha rede de canalización telefónica con acometidas individuais e en canalizacións subterráneas para a posterior eliminación dos tendidos de fachada, conectada coa rede existente subterránea.

Praza da Princesa

O obxectivo desta actuación foi gañar espacio peonal na Porta do Sol e devolverlle á praza da Princesa o seu aspecto orixinal coa eliminación dos obxectos engadidos co paso dos anos que crearon barreiras arquitectónicas. A obra foi proxectada polos arquitectos Xavier Franco, Vicente Pintos, Javier Mariño e Manuel Toucedo.

Creouse unha área peonal de 2.000 metros cadrados con pavimento de granito tostado e dourado entre o que se conservan pedras do antigo enlousado da praza. Os bordes peraltáronse para impedir o acceso de vehículos á praza e rebaixouse a beirarrúa no lugar destinado ao paso de peóns.

Renováronse e completáronse as redes de saneamento, abastecemento e rego. Soterráronse as conduccións de telefonía e alumeado público e creouse unha canalización para telecomunicacións. As tapas das arquetas están baixo o pavimento, coa súa correspondente sinalización e rexistro.

Modificouse o lugar de acceso ao aparcadoiro para gañar espacio peonal. A nova entrada ten un revestimento de planchas continuas de aceiro e os muros son de pedra tostada.

Instalouse unha marquesiña de aceiro con baño de galvanización en quente cunha cuberta de placas de policarbonato compacto transparente con superficie protexida contra os raios ultravioleta. Colocáronse 22 bancos, deseñados polos arquitectos Massana e Tremoleda, de madeira maciza resistente á brétema salina e catro papeleiras, deseñadas por Rafael Moneo, cun tronco cilíndrico de fundición de alumnio e unha cubeta de chapa galvanizada.

As reixas, canos e escudos da fonte foron deseñados polos autores do proxecto e realizados por Fundiciones Beneyto en Vigo. Hai nove luminarias de pé, 13 de parede, dez empotradas no chan e dúas nos piares da marquesiña. Ademais, plantáronse oito pradairos vermellos procedentes do viveiro de Poio.

Avenida do Fragoso

Na avenida do Fragoso, o Concello investiu 525.000 euros nos traballos de humanización que contemplaron a instalación de saneamento, abastecemento de auga, gas, cable e alumeado, que quedaron completamente renovados. Construíronse dous quilómetros de beirarrúas, que ademais foron ancheadas ata os tres metros e medio. Elimináronse as barreiras arquitectónicas, creáronse espacios para os colectores de lixo e plantáronse 140 árbores que adornan toda a avenida.

Travesía de Vigo

A Travesía de Vigo reformouse con actuacións dirixidas a mellorar a seguridade vial e a estética da rúa. Plantouse arborado e arbustos na mediana e beirarrúas, creáronse rotondas e acondicionáronse os pasos de peons. Investíronse máis de cen mil euros.

Os criterios de elección do arborado foron a resistencia á contaminación e ás condicións adversas, ademais dos efectos cromáticos de tonos outonais con floración en distintas épocas para manter a variedade de color durante todo o ano. As cinco especies de arbustos elixidas (Escallonia rubra, Lavandula stoechas, Prunus laurocerasus, Abelia floribunda e Spirea thumbergii) son resistentes, forman masas compactas, admiten a poda, teñen floración e algunhas delas son aromáticas. Con estes arbustos tapizáronse os alcorques.

Con esta actuación pretendeuse diminuír o impacto que produce unha vía destas características enclavada nunha zona urbana cunha alta densidade de habitantes e edificacións, aumentando a ornamentalidade mediante o axardinamento de espacios públicos tendo en conta as características tanto dimensionais como ambientais para conseguir áreas verdes compatibles co contorno.

As Avenidas

Tamén se realizaron obras de humanización no paseo das Avenidas, gañando espacio para o paseo a carón do mar.

No caso da humanización do contorno da Alameda, a Comisión de Goberno principiou a tramitación do expediente para contratar por 30.000 euros unha asistencia técnica que se encargará de redactar o proxecto de obra.

Praza da Independencia

Trala construcción dun aparcamento soterrado, substituiuse unha rotonda de vehículos situada na praza da Independencia por un espacio peonal axardinado con bancos e zonas de paseo. Trátase dunha zona con moita densidade de poboación que precisaba lugares tranquilos destinados ao lecer. A humanización desta praza obtivo boa acollida dos cidadáns que a utilizan como lugar de encontro, para facer compras, xogar, pasear ou descansar nas terrazas dos establecementos hostaleiros. A creación de zonas axardinadas con flores de tempada produce ademais unha mellora estética do lugar que favorece un ambiente máis agradable para os veciños que viven neste lugar.

Supresión de barreiras arquitectónicas nas zonas humanizadas

Outra das accións contempladas nos proxectos de humanización son as obras encamiñadas a eliminar as barreiras arquitectónicas mediante o rebaixe das beirarrúas en pasos de peóns para facilitarlles o acceso a persoas con problemas de mobilidade.

O obxectivo deste programa contempla adaptar os pasos de peóns suprimindo as barreiras arquitectónicas existentes, chafranando as beirarrúas en forma de rampas de xeito que o bordo da beirarrúa e mailo pavimento queden ao mesmo nivel.

A reparación de beirarrúas consiste no levantamento de baldosa ou de terrazo, con morteiro e base de formigón e posterior colocación e na posta en rasante das tapas dos servicios de canalización. En total, o Concello de Vigo investiu 203.500 euros na supresión de barreiras arquitectónicas nas zonas onde se realizaron obras de humanización.

Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003