Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
mércores, 24 de xullo 2002

Imprimir | Enviar

Rande 1702. Arde o mar




Á Batalla de Rande, que enfrontou na ría de Vigo ás potencias europeas a comezos do século XVIII, debíaselle unha inmersión metafórica: bucear entre os numerosos arquivos e coleccións documentais europeos para sacar á luz verdades inéditas da lenda sobre a máis rica flota chegada das Indias occidentais. A exposición ?Rande 1702: arde o mar? paga con creces unha débeda centenaria coa historia, coa inauguración do Museo do Mar de Galicia que viste de gala as súas salas por vez primeira para deleite de tódolos públicos.

Xulio Verne nunca chegaría a imaxinar que se convertería no mellor publicista dun dos episodios navais máis importantes acontecidos nas costas galegas. Ata a ría de Vigo viaxou o Nautilos para recuperar os lingotes de prata ocultos nas bodegas dos galeóns fundidos e con el miles de mentes ávidas de aventuras.

(?Comprendín entón que nos encontrabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar no que se fundiran os galeóns fletados polo Goberno español. Alí era onde o capitán Nemo subviña ás súas necesidades e lastraba con aqueles millóns ó Nautilus. Para el: para el só entregara América os seus metais preciosos. El era o herdeiro directo e único daqueles tesouros arrincados ós incas e ós vencidos por Hernán Cortés?. (Vinte mil légoas de viaxe submariño. Capítulo VIII)

?Rande 1702: arde o mar? é unha magna exposición coa que se conmemora o III Centenario da Batalla de Rande, acaecida na ría de Vigo. Trátase dunha mostra na que se compilaron máis de 250 pezas provenientes de 58 museos e coleccións privadas de América, Europa, España e Galicia. Un comité científico de primeira liña respalda os planteamentos realizados polo comisariado designado para a exposición que, ademais, será a mostra coa qu se inauguran as novas instalacións do Museo do Mar de Galicia (Alcabre-Vigo) O único edificio proxectado e executado en España polo arquitecto italiano, xa falecido, Aldo Rossi.

A asesoría científica da mostra estructurou esta exposición que ocupa 900 m2 en tres seccións, que sitúan o visitante no contexto idóneo para comprender os sucesos acontecidos co afundimento do meirande cargamento de tesouros chegados de América. A situación política e social da época, os intereses das diferentes potencias e dinastías europeas e o modus operandi dos implicados no conflicto bélico están documentados coa maior aportación informativa realizada sobre Rande ata hoxe. Como se indicou, este fío conductor estructúrase en distintas seccións que poderán ser visitadas na exposición.

A carreira de Indias, as flotas da prata

Nº de pezas exhibidas: 88
Descrición das obras:
-Planos dos principais portos americanos da ruta de Indias
-Pezas de orfebrería orixinais
-Dous importantes debuxos do naturalista Celestino Mutis
-Colección de instrumentos de navegación do Museo da Ciencia e Tecnoloxía e do Museo Naval de Madrid. Posúen unha aplicación multimedia que permite coñecer o seu funcionamento.
-Modelos históricos das principais tipoloxías de navíos coetáneos dos catro países en contenda: España, Francia, Inglaterra e Holanda. A destacar o modelo francés proveniente do Museo da Mariña de Francia, Brillant, que participou na batalla de Rande: e o modelo da fragata de guerra holandesa, do Risjkmuseum de Ámsterdam.
-Cinco aplicacións informáticas explicativas sobre a construcción de navíos, lendas oceánicas e carreira de Indias.

Tema:
Como preámbulo da exposición tratarase o principal motivo que impulsou o comercio con América: o ouro, como ben di a cita de ?La Araucana? e, sobre todo, a prata das fecundas minas de Potosí e de Zacatecas, as mías ricas minas de prata do continente que fixeron realidade o mito de El Dorado creado polos españois, pois foron quen por si propias de nutrir durante tres séculos a economía europea.

Motor, ademais, do comercio americano foron os denominados tesouros vivos: productos vexetais como o tabaco, o pao de Campeche, o algodón ou a cochinilla... igualmente determinantes na transformación da economía europea. Integrarán este apartado pezas, suxerentes pola súa beleza á vez que moi instructivas, como debuxos dos principais portos de América, das minas máis importantes do continente (porcedentes do Arquivo Xeral de Indias? dos productos vexetais que máis transcendencia tiveron para Europa (do Real Xardín Botánico)

Ofrécese tamén unha síntese da evolución das ciencias e técnicas de navegación durante o século XVII e o seu desenvolvemento sobre o 1700. Os principais tratados de cosmografía e de navegación da época dos Austrias, xunto cunha exhaustiva mostra dos instrumentos náuticos da época constitúen nas pezas que articulan este discurso expositivo. Son pezas que proceden na súa maioría das ricas coleccións do Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía e do Museo Naval de Madrid.

Como peche desta primeira sección, trátanse as características da construcción naval dos catros países en contenda. As principais tipoloxías de navíos que participaron na batalla de Rande, así como no espacio e as condicións da vida a bordo nas flotas de Indias. Pezas moi significativas, como modelos históricos de buques das escuadras enfrontadas, así como debuxos orixinais da súa arquitectura e decoración procedentes de diversos museos europeos (National Maritime Museum de Greenwich, Rijksmuseum, Musée de la Marine de París) permíntennos achegarnos á realidade da contenda.
Mirei as naves arder: a Batalla de Rande

Nº de pezas exhibidas:114
Descrición de obras:
-Colección de uniformes e armamentos do Museo do Exército de Madrid
-O maior número de gravados temáticos sobre Rande xamais exhibido, pertencente á colección privada Puertas-Mosquera: 11 gravados pertencentes ó Rijskmuseum de Ámsterdam: colección de gravados procedentes do Museo Greenwich de Londres
-Retrato de Luis XIV, de Jean Ranc (Museo de Versalles): retrato da raíña Ana (National Portait Gallery, de Londres) e retrato do arquiduque Carlos
-Debuxos manuscritos procedentes da Biblioteca Nacional de Francia realizados polos oficiais Tene de la Breton e Beaugeau
-Proxección en 3D, de dez minutos, na que se recrea integramente a batalla

Tema:
Esta segunda parte amosará quen foron os protagonistas da contenda e as circunstancias políticas que desencadearon o primeiro acto da Guerra de Sucesión española.

O primeiro paso é situar a batalla naval de Rande no seu contexto europeo, sinalando que foi realmente a primeira batalla (se excluímos o asedio infructuoso a Cádiz por parte de Rooke) dunha gran guerra, coñecida como Guerra de Sucesión española, que lle afectou a tódolos países europeos agrupados en dúas grandes alianzas (Borbóns con os aliados dos Habsburgo). Na Batalla de Rande, Inglaterra e Holanda foron os principais países implicados contra a alianza hispano-francesa. Os retratos dos mandatarios das distintas coroas (procedentes da National Portrait Gallery, do Chateau de Versailles e da Real Academia da Historia) presiden o apartado.

Exhíbense obras para ilustrar outros episodios desta guerra, que serán esencialmente navais e se recrea, con pezas orixinais e reconstruccións, a composición dos exércitos: formación, uniformes e, por suposto, o armamento utilizado. Do Museo Naval e do Museo do Exército de Madrid proceden algunhas das pezas máis destacadas.

Unha victoria parca en botín, como foi a angloholandesa de Rande, amosouse engrandecida pola campaña propagandística levada a cabo polos dous países triunfantes, reflexo diso foi a abrumante cantidade de gravados cartográficos, de escena bélica, satíricos ou alegóricos sobre o evento que, tendo o seu berce en Ámsterdam, o gran centro de producción, estendéronse por todo o continente.

Nesta sección exhíbese a compilación máis exhaustiva de exemplares que se fixera pública ata o momento, acompañada por unha escolma de pezas documentais máis significativas reunidas no labor de investigación efectuado nos principais arquivos e bibliotecas europeos. Esta achega documental e gráfica constituiu a base para a realización dun dos elementos máis sobranceiros da mostra:

A recreación visual da batalla en 3D cun guión que sintetiza a interpretación histórica do evento

A intención é transferir a un medio visual de enorme capacidade comunicativa o producto dun longo e rigoroso labor de investigación e convertelo no principal vehículo de difusión do proxecto expositivo. O marco temporal expositivo abarca a segunda metade do século XVII e comezos do XVIII, á vez que a aproximación ó Vigo e a súa comarca do momento se aborda ofrecendo unha visión xeral do Reino de Galicia, a súa organización político-administrativa, a sociedade e as manifestacións culturais. O urbanismo, as construccións civís, relixiosas, militares: así como a evolución das defensas da vila desde mediados do século XVII, ata as transformacións realizadas como consecuencia do desastre constitúen un capítulo especial deste apartado. Todo isto amosará co recurso a pezas orixinais (procedentes na súa maioría do Arquivo de Simancas e do Arquivo Xeral Militar), a unha maqueta interactiva e a un programa informático que lle permiten unha viaxe virtual polo Vigo do século XVIII.

De profundis. Unha historia submariña

Número de pezas: 60
Descrición de obras:
-pezas sobre inmersión e escafandrismo do Museo de Espallion (Francia)
-pezas e documentos do Arquivo Xeral de Indias relativos ós encontros somerxidos en Rande
-Vídeo sobre a historia de rastreos submariños, de Jean Yves Blot
-Vídeo realizado en 1958 polo equipo de John Potter sobre a primeira gran expedición arqueolóxica de Rande
-Navegador virtual que permite un percorrido individual polo Vigo da época

Tema:
A historia dos intentos de rescate dos tesouros afundidos comezou ós poucos días de finalizar a batalla, cando buzos dos catro países se mergullaron coa esperanza de rescatar parte do cargamento perdido. Nestes tres séculos sucedéronse máis de vinte empresas de rescate, algunhas con éxitos parciais. O misterio, sen embargo, segue envolvendo o destino que gardan parte daquelas riquezas. Ninguén contribuiu tanto á difusión universal da lenda como Xulio Verne, ó insertar na ficción do seu libro ?20.000 leguas de viaxe submariña? un capítulo enteiro dedicado ó episodio, con notas de exactitude histórica adornadas con doses de fantasía sobre o fabuloso tesouro que abastecía o Nautilus para as súas empresas altruístas. A grandeza literaria de Verne e a atracción popular cara a figura do capitán Nemo xustifican a dedicación de toda unha sala expositiva ó mellor propagandista que tivo nunca a ría de Vigo.

A campaña do capitán Nemo non foi histórica, aínda é máis real e coñecida por nós que moitas das 32 concesións a empresas de rescates que se levaron a cabo: oito no propio século XVIII e dezaseis no século XIX, catro no XX. Destácanse especialmente as campañas dos anos 50, as de John Potter e de Robert Stenuit, as máis populares, quizáis en parte debido a que aínda temos viva a lembranza deles porque ambos se converteron en auténticos personaxes da historia recente de Vigo.

Museo do Mar de Galicia: a cara humana do mar

Este museo, que se inaugura conxuntamente coa exposición, foi proxectado polo arquitecto italiano, xa falecido, Aldo Rossi: asinado en colaboración co arquitecto galego César Portela. Esta é a única construcción realizada por Aldo Rossi en territorio español.

O espacio arquitectónico que constitúe o Museo do Mar de Galicia encóntrase dividido en cinco partes:

1.-O xardín, vertebrado no seu eixo central por unha avenida de árbores que chega á porta de entrada do museo e deixa, a ambos lados, amplas zonas de vexetación que permiten un uso de estancia e lecer.

2.-Un conxunto de cinco naves rehabilitadas dun vello matadeiro, que existía con anterioridade.

3.-Unha praza empedrada configurada por edificios existentes e outros dunha nova planta que permiten a comunicación das praias de Cocho e Mourisca e posibilita a continuidade do paso público polo bordo do litoral.

4.-Un edificio da nova planta construído sobre o límite exterior da parcela gañada ó mar.

5.-Un muelle no que se situará un peirao mariñeiro, acuario, lugar destinado ó amarre de barcos históricos e faro de sinalización do extremo do espigón.

Materiais: O granito do interior da provincia de Pontevedra foi empregado en cantería que conforman os muros, pavimentos, bordos... As cubertas realizáronse en chapa de cobre e a linterna e a veleta do faro en bronce, o que asegura un envellecemento digno.

Superficies útiles:
Primeiro corpo de naves- 4.714m2
Segundo corpo de naves- 3.664 m2
Acuario- 216m2
Faro- 32m2

O conxunto destas superficies compórtase como unha peza urbanística que serve de transición entre a terra e o mar e se configura como un cabo: metade natureza, metade artificio, que incorpora a ría como unha parte máis do proxecto.

Todo o conxunto edificado, conformado por dúas familias de naves, un edificio e unha pasarela elevada que as relaciona, pode considerarse un observatorio desde o que contemplar e gozar do mar mentres se percorren os seus espacios interiores. Como complemento a estes espacios proxectáronse outros de carácter exterior de diferente tamaño, configuración e funcionalidade: prazas, patios, galería, balcóns e xardíns localizados en puntos estratéxicos do conxunto que permiten visións singulares e diferentes da única paisaxe exterior.

O museo está enclavado no lugar Punta do Muíño, parroquia de Alcabre (Vigo), na avenida Atlántida, 160. Un autobús turístico que parte da rúa García Olloqui catro veces ó día (ás 10.00, 12:00, 16:30 e 18:30) permite acceder ás súas inmediacións polo prezo de 6 euros (adultos) e 4,5 (nenos).
Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003