Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
luns, 01 de xullo 2002

Imprimir | Enviar

Notas de arqueoloxía urbana




Núcleo e orixe da cidade, o vello “Casco Vello” sofre o crecemento cara ás aforas de Vigo durante o século XIX e primeira metade do século XX, co seu paulatino deterioro urbanístico, económico e social.

Tras décadas de abandono, o primeiro intento de recuperación do Barrio Histórico ven do “Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello” (PERI), aprobado en 1991. Pero será a axuda procedente da iniciativa Urban, posta en marcha pola Unión Europea e aprobado en 1995, o que principie a tan necesaria rexeneración urbana deste barrio.

O desenvolvemento das Unidades de Xestión contempladas no PERI e agora executadas con fondos europeos, conleva, en cumprimento da normativa urbanística, o seguimento arqueolóxico sobre as diferentes obras de dotación e mellora de servicios urbanos (saneamento, abastecemento de auga, electricidade, iluminación, etc.) que o Concello leva a cabo dentro do Barrio Histórico.

Para entender o traballo do arqueólogo ó longo destas obras de rehabilitación, teriamos que imaxinarmos unha de tantas rúas estreitas do Barrio Histórico. En medio, sen a penas sitio para moverse, unha pala escavadora e varios operarios. Con lentitude e coidado, a máquina levanta as gastadas lousas de granito e busca a gabia central que a modo de pequeno sumidoiro, canaliza as augas fecais. Despexada a canle da gabia e aproveitando a súa anchura, os obreiros aloxan no seu interior un tubo de PVC que a partir de agora substitúe o antigo sumidoiro. Cámbianse os estreitos tubos de fundición de principios do século XX que subministran a auga ás casas dos veciños e se tenden varios tubos (vermellos e negros) que aloxarán os novos servicios de electricidade, telefonía e iluminación pública.

Este esquema, con lixeiras variantes, é seguido a pé de obra polo arqueólogo e repítese nunha serie de rúas e prazas do Barrio Histórico, das que, por brevidade, rescatamos aquelas que mostraran indicios arqueolóxicos da ocupación romana.

Rúa do Funil

A traza da rúa do Funil, principia nunha estreita embocadura aberta á praza da Esperanza, á que segue un tránsito curto e recto con saída final á rúa de Méndez Núñez.

Dentro das obras de rehabilitación que se desenvolven no contorno desta rúa, no mes de febreiro de 2000 ábrese unha cala de 3x2x1.50 metros no entronque da rúa Funil coa pequena praciña existente no arranque da rúa de Méndez Núñez. A cala aloxaría un pozo de rexistro para o novo abastecemento de auga e o exame dos seus cortes revélanos indicios dun horizonte romano con restos dun muro de cachotería e fragmentos de tégula, ímbrice e ánfora palestiniana (envase comercial proveniente do Mediterráneo Oriental).

No mes seguinte (marzo de 2000) procédese á apertura dunha gabia manual para a substitución da tubería de auga, que dende a cala anterior percorre 6 metros da rúa do Funil. De novo, o exame dos cortes desta gabia mostra un nivel horizontal, a 70 cms baixo o pavimento da rúa que confirma un lousado irregular de pedra asociado con materiais romanos.

O achado destes indicios arqueolóxicos lévanos a propoñer unha pequena escavación deste tramo da rúa e solicitar o oportuno permiso da Xunta de Galicia (autoridade competente na materia).

Os resultados da escavación poñen ó descuberto os restos dun muro e un pavimento, destruídos pola cimentación do inmoble nº 3 da rúa do Funil e as gabias dos antigos servicios de abastecemento e saneamento.

O muro conserva parte dun esquinal e a cara interna do lenzo Sur que alcanzaría máis de 8 metros de longo. Está construído con perpiaño irregular de granito, asentada en seco e careada ó interior (a cara exterior foi destruída pola antiga gabia de saneamento). A súa ringleira de base, ó igual que o lousado, descansa sobre a roca natural, rebaixada para aloxar estas pedras de cantería.

O pavimento está composto por un solo horizontal de pedras e tégula, asentado directamente sobre o substrato natural e acuñado con anacos da propia tégula e ímbrice. Sobre este lousado, encontramos un nivel regular de terra carbonosa, duns 5 cms de espesor, case estéril en canto a materiais e cuberto por fragmentos de tégula e ímbrice de maior tamaño. A cara superior deste pavimento encontrábase a 80 cms da rasante da rúa

¿QUE SIGNIFICA?

Pois, con algunha licencia, diríalles que baixo as rúas Funil e Méndez Núñez consérvanse os restos dunha antiga casa edificada hai 1.500 anos e orientada en posición cardinal (disposta en sentido leste-oeste). Polas súas dimensións, a factura coidada dos seus muros e dispoñer dun solo lousado, pertencería a unha desas casas tardorromanas de certa relevancia, indicios que temos detectado noutros puntos do Barrio Histórico e o seu contorno. A capa de terra carbonosa que cubre o solo, acompañada con algún resto de animal e fragmentos de cerámica de cociña nos falan de alimentos (ovella/cabra), a súa preparación (en pucheiro de cerámica e ó lume de lareira) e o seu consumo (os excedentes tirábanse sen maior coidado, para deleite de animais domésticos e outros roedores de compañía). Por último, os restos de tégula (a tella plana romana) e ímbrice (a tella curva) caídos sobre este solo confírmannos o desplome do tellado da casa (de planta baixa), ben por abandono ou por incendio (parte da terra carbonosa que cubre o solo lousado podería ter esa procedencia).

Rúa dos Cesteiros

Coñecida como rúa dos tres nomes (Amargura, E. Rubin e Dos Cestos), baixa torcida e angosta cara ó mar comunicando a praza da Constitución e a praza de Almeida.

En maio de 2000, as obras de saneamento comezan nesta rúa en sentido ascendente, a partir da praza de Almeida. Retiradas as lousas de granito, queda ó descuberto o antigo sumidoiro que sobe centrado, rúa arriba. A gabia está construída sobre unha base de laxas e levanta as súas paredes laterais con cachotería de pedra revocada cun morteiro amarelado propio do s. XIX. Unha vez limpa a canle da gabia, téndense os primeiros tramos de tubos de PVC e se cambian as acometidas particulares. Detectamos neste momento, varios fragmentos de tégula romana, moi próximos á superficie.

Pero será nun segundo tramo, cando as obras acaden o primeiro «cóbado» da rúa, onde será manifesto o descubrimento de abundantes restos de tégula e ímbrices romanos acompañados dalgúns fragmentos de cerámica común. Aproveitamos a instalación neste “cóbado” da rúa dun pozo de rexistro para revisar os seus cortes ata unha profundidade de 1.40 metros. Verifícase entre os 50 e os 70 cm baixo a rasante da rúa, a existencia dun recheo de pedras e un horizonte de terra moura con materiais de época romana. Nun dos laterais podo observar ata tres pedras concertadas con fragmentos de tégula e ímbrice que poderían formar parte dun muro, e se perden baixo a entrada do inmoble núm. 10. Os escasos fragmentos cerámicos documentados pertencen á cerámica común, propia dos recipientes empregados para a preparación de alimentos e expostos ó lume. Teñen as paredes grises e ocres, factura manual e unha decoración exterior mediante escobillado característica dos séculos IV-VII da nosa era. Os fragmentos de ánfora corresponden a recipientes do Mediterráneo oriental, ó igual cás cerámicas, propias destes momentos.

Una vez sobrepasado o «cóbado» inferior da rúa, os restos romanos comezan a diminuír e ó chegar á metade, estes desaparecen por completo.

Dado o carácter superficial dos novos servicios (iluminación e telefonía), non se abren gabias, e os tubos cóbrense cunha capa de formigón sobre a que se asentan as lousas do pavimento.

¿QUE SIGNIFICA?

Aumentando a complicidade co lector e solicitando o perdón anticipado polos meus excesos, poderíase inferir que tanto os restos encontrados en superficie como aqueles outros que a chuvia (a mares) e a marcha da obra me permíten revisar con certo detemento, poderían corresponder a unha segunda casa tardorromana.

A escasos 30 metros da rúa Funil, esta segunda casa tería cando menos un muro orientado en posición cardinal e tanto a súa factura (de pedra) como os elementos de cuberta (tégula e ímbrice) caídos sobre o muro, serían semellantes. Os escasos fragmentos de cerámica de cociña xunto cos envases comerciais (ánforas) recollidos certifican que ambas casas serían veciñas e coetáneas ¡hai 1.500 anos!

Praza da Igrexa-Adro da Colexiata

Na praciña da Igrexa, conflúen tres das vellas rúas do barrio histórico (Real, Palma e Oliva) que aglutinan o núcleo do Vigo medieval.
Consta en documento do s. XII a existencia dunha pretérita igrexa baixo a advocación de Santa María, da que sen embargo nada chegou ata nós. Con posterioridade e no mesmo lugar levántase contra principios do século XV, un templo gótico do que conservamos un fermoso tímpano que decoraba a súa fachada. A igrexa constaba de tres naves, teito de madeira e unha torre cadrada para campanario. Foi incendiada e destruída en 1589, durante o ataque do corsario inglés F. Drake á cidade. Malamente restaurada, entra en estado ruinoso en 1813 trala explosión da polvoreira do Castelo de san Sebastián. Ordenada a demolición do templo gótico, constrúese no mesmo emprazamento a terceira igrexa, de pesado estilo neoclásico e rematada en 1836. A construcción desta última igrexa supuxo a desaparición (contra 1814) da insigne oliveira que dá brasón á cidade e a reordenación do antigo adro-cemiterio.

O último tramo dos traballos de rehabilitación no Barrio Histórico interesa a frontal do adro da Colexiata e iníciase en maio do ano 2001. Para non pechar o paso a vehículos e transeúntes, óptase por acometela en dúas fases. A primeira afectaría á metade da rúa máis próxima á igrexa e a segunda, á restante, cara á fachada das casas. Levántase o pavimento de pedra e a base de formigón que lle serve de base, deixando ó descuberto unha franxa de terra ós pés das escaleiras que soben ó adro.

Logo dunha unha limpeza superficial desta franxa colmatada con terra amarronada e orgánica, queda patente que nos encontramos sobre o antigo adro-cemiterio que ocupaba o frontal da igrexa. Asoman, desorganizados, os restos dos muros perpendiculares que se introducen baixo as escaleiras actuais do adro, un osario de 3x2 metros que no seu extremo oriental se perde tamén baixo as escaleiras, un muro que pecha o adro polo sur e remata nunha pedra de cantería almofadada, e varias inhumacións. Nesta longa franxa recóllense abundantes fragmentos de tégula, ímbrice, materiais de filiación romana que se acompañan neste revolto superficial de dúas moedas portuguesas, cerámica esmaltada en branco con trazos azuis, pratos recubertos de vernices dun marrón intenso de gran calidade, cerámica común e algunha anforeta, datables a partir da segunda metade do s. XVII.

Aproveitando a oportunidade que nos brindan estas obras de rehabilitación e de novo cos permisos conseguintes da Xunta de Galicia, practicamos unha pequena prospección de sondaxe na esquina sudoeste do adro.

Retirado o nivel de terra superior desta prospección, en seguida quedan ó descuberto as inhumacións de dous individuos adultos, tendidos en posición canónica (os corpos orientados en sentido Leste-Oeste, coa cabeza a poñente), dispostos en decúbito supino (cara arriba) que probablemente corresponden a unha muller e un home. Están enterrados nunha fosa simple, aberta na arxila vermella do substrato e o home morrería pouco despois cá muller. Asociado ó cranio da muller recollemos un pequeno pendente composto dun ariño con colgante en trenciña e rematado con dúas doas de vidro.

Baixo estes restos esqueléticos, e dentro da mesma foxa, encontramos un segundo nivel de enterramentos que segue idéntico ritual e do que a acidez do solo só respectou a metade inferior.

Estes enterramentos superpostos alóxanse, como xa indicamos, nunha fosa escavada no substrato natural e pola cara interior dun muro de cachotería de pedra que pechaba o adro polo Sur e remataba cunha pedra de cantería vertical e almofadada. Tanto a factura do muro, como a decoración biselada dos bordes desta pedra de cantería, reproducen unha técnica de construcción tardorromana documentada na rúa de Colón.

¿QUE SIGNIFICA?

É sabido que as igrexas, xunto cos seus adros, foron dende antigo lugar de enterramento de fieis difuntos. Será no ano 1787, cando o rei Carlos III adopte unha serie de disposicións relativas á hixiene e salubridade propugnando a creación de novos cemiterios. Estas medidas a penas terán repercusión en Galicia, e servíndonos como exemplo a nosa colexiata, os enterramentos sucedéronse no seu interior e no seu adro ata o ano 1857, ano no que se inaugura o desaparecido cemiterio de Picacho. A modo de conclusión, lembremos que este lugar foi ocupado de forma continuada por unha igrexa románica, gótica e neoclásica, unidas no tempo pola pervivencia do seu cemiterio ata ben entrado o século XIX.

Dado que nestas notas incidimos preferentemente nos indicios romanos, querería resaltar algunhas peculiaridades con respecto ós restos encontrados nesta zona. En primeiro lugar, chama a atención a cantidade de fragmentos de tégula e ímbrice que aparecen en superficie e a ausencia de cualquera outro tipo de cerámica de época romana. Aquí, temos que aclarar ó lector, que estes materiais –a tella plana e a tella curva romana- á parte de elementos destinados a cubrir os tellados das casas, eran usados como terrazos para os solos, como grava nos formigóns romanos, como ripios e cuñas para calzar os muros, como conduccións de auga, pero sobre todo, e para o lugar que nos ocupa, servían como pezas para construír tumbas.

E, ¿que significa todo isto? Ben, por un lado, sabemos que estes materiais –a tégula e o ímbrice- deixaron de utilizarse moi avanzada a Idade Media –contra os séculos IX-X da nosa era, segundo algúns estudiosos-. Por outro lado, a ausencia de cerámica de cociña e de mesa de época romana podería indicarnos que este non é un lugar onde vivía a xente, ó contrario do que encontramos nas rúas do Funil e dos Cesteiros.

Sabemos tamén que neste lugar temos documentada a existencia dunha igrexa románica co seu adro-ceminterio dende, cando menos, o século XII. E finalmente, sabemos da gran pervivencia que teñen os sitios de culto no tempo.

Se unimos todas estas pezas do crebacabezas, xorde unha posible interpretación -unha hipótese de traballo din os científicos-, a partir dunha lectura cara atrás no tempo. Temos hoxe no lugar unha igrexa neoclásica co seu cemiterio clausurado dende 1857. Esta igrexa ocupa o mesmo lugar que ocupaba un anterior templo gótico co seu adro-cemiterio, que á súa vez se asentaba sobre unha primeira románica co seu adro-cemiterio, quizais máis pequena pero no mesmo lugar. ¿Ata aquí ben?, pois continuemos: temos unha serie de «casiñas» tardorromanas no contorno, casiñas nas que vivía xente e que tamén morría. Temos fragmentos de tégula e ímbrice que non aparentan corresponder ó tellado dunha casa nin a outra estructura de tipo habitacional e poderían ser pezas destruídas de tumbas tardorromanas. A hipótese, que habería que comprobar no futuro, é a posible existencia no lugar dunha igrexa ou lugar de culto paleocristián, datable entre os séculos IV–VII da nosa era, localizado baixo a actual igrexa neoclásica, cun cemiterio que habería sido destruído/revolto polos enterros de época Moderna e Contemporánea.

Finalmente, uns apuntamentos con respecto ós enterramentos de época Moderna/Contemporánea encontrados na prospección do adro. A simple observación destas inhumacións pon de manifesto que seguen o ritual cristián. Xa saben, os mortos enterrados cara arriba, coa cabeza a poñente e orientados co eixe maior do templo en sentido leste-oeste.

As inhumacións presentan unha serie de peculiaridades que convén resaltar. Fíxense senón na localización da sepultura onde encontramos os mortos, pegada ó interior do muro que pecharía o adro gótico polo Sur. No carácter de austeridade dos corpos alí enterrados, ós que acolle unha simple fosa escavada na arxila. Non hai restos de ataúde ou angarellas de madeira, non hai vestidos nin sudario, nin xoias (se exceptuamos o pequeno pendente), nin lápidas, ningún tipo de filiación ou recordo. Moi á moda tridentina, ou ás pestes, ou ás guerras.



Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003