Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
xoves, 03 de xaneiro 2002

Imprimir | Enviar

Obxectos sobre a bicicleta no museo Liste




A exposición ”Obxectos sobre a bicicleta” da colección privada de Luís Molist pódese visitar ata o 22 de febreiro no Museo Etnográfico Liste, situado na rúa da Pastora, 22. O museo principia unha nova etapa con exposicións temporais priorizando as coleccións privadas que non foran expostas con anterioridade.

Con estas iniciativas, o Museo Liste quere conceder importancia ó coleccionista como unha forma de achegamento ó cidadán que pasa a converterse en protagonista mediante a achega de datos técnicos e aspectos da súa vida. A través de pequenos e grandes coleccionistas de obxectos e ideas realizarase un achegamento a historias persoais, de sentimentos e de vivencias.

Non se trata de coleccións institucionais ou públicas, senón de particulares, nas que ademais do seu valor material, destaca o seu valor simbólico, histórico e documental. Son pezas nas que o propietario envorca os seus sentimentos, sabe da súa orixe e historia. Máis que como elemento de prestixio, forman parte da súa vida e responden a motivacións diversas: deleite estético, necesidade de posesión ou busca de exclusividade. En definitiva, motivo de orgullo, pasatempo e afección.

Será o propio coleccionista o que impoña os valores engadidos ós obxectos, e será o Museo, como portavoz desas valoracións, o que presente e divulgue a súa artisticidade.

Luis Molist “Lucho” é un namorado da bicicleta, á que dedicou gran parte do seu tempo libre, e da que afirma: é perfecta desde que se inventou. O que comeza como diversión coa compra de faros e accesorios convértese en soño de museo, no que a maior preocupación é conseguir que non se esqueza da memoria. As pezas, ás que el deu vida, reconstruíndo e completando con mimo, amósannos o cariño co que se facían antes as cousas: a dificultade de montar unha roda a man, pequenos resortes que debían tratarse con lupa ou mínimos e curiosos detalles que as fai irrepetibles.

A través da exposición transmítenos experiencias e coñecementos dun mundo que xira en torno á “pequena raíña”, como a el tamén lle gusta denominala.
Desexoso sempre de información, colaborou con artigos sobre o tema en revistas especializadas como Pedal ou en suplementos do Faro de Vigo.

Na exposición ”Obxectos sobre a bicicleta” preséntanse máis de 30 faros de aceite, de carburo e eléctricos: recambios e accesorios entre os que destacan as rodas de láminas de madeira, asentos en coiro moldeado, cambios, pedais, placas de marcas e matrículas. Amósase tamén a colección de carteis e postais dos museos ”Velorama”, de Holanda, e ”Harlow”, de Gran Bretaña. En total, son máis de 200 pezas as que se exhiben.

A colección complétase cunha bicicleta Raleigh, modelo de 1925: unha Gimson, da décado de 1940, e dous triciclos de fabricación artesá.

Ademais das pezas de Luís Molist, expóñense pezas doutros particulares como un velocípedo de principios do século XX, propiedade de Honorino Méndez, fabricante da marca ”Honor”.

A mostra contén aspectos didácticos mediante paneis explicativos sobre a historia da bicicleta, da competición ou da bicicleta e a moda.

Non é un conxunto de bicicletas antigas, nin de recambios ou documentos gráficos, senón unha serie de obxectos que amosan a un protagonista: un home cordial, minucioso, detallista, e xa entrañablemente familiar para o museo. As pezas por el atesouradas -faros, accesorios, ferramentas, postais, etc.- ata agora no persoal anonimato, son só parte dunha historia, o todo permite que sexan merecedores “obxectos de museo”.


Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003