Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
luns, 19 de novembro 2001

Imprimir | Enviar

Rapaces de ensino medio dispoñen dun local de ensaio dentro do programa ”Móvete con Vigo”




Arredor de 90 rapaces acoden cada día ó local habilitado pola Concellería de Xuventude para ensaiar, preparar os seus temas e encontrarse con membros doutros grupos cos que comparten ideas e propoñen iniciativas para facer emerxer un novo movemento musical en Vigo.

Esta iniciativa enmárcase no programa ”Móvete con Vigo”, da Concellería de Xuventude, que ten como obxectivo dar resposta ás afeccións desenvolvidas sen ánimo de lucro e de carácter artístico, cultural, deportivo e formativo da mocidade.

Rock, folk, punk e outros estilos danse cita da man de mozos que desexan dispor dun local onde ensaiar os seus temas e preparar as súas maquetas. Os rapaces contan tamén con instrumentos e equipos de son da Casa da Xuventude.

A Concellería de Xuventude promove, ademais, actuacións co fin de que estes grupos poidan amosar os seus traballos, tanto nos Castroconcertos organizados durante o verán como nos incluídos na programación das Noites Vivas.

Desde a posta en funcionamento do local de ensaio municipal, situado na Casa da Xuventude, o gran número de grupos musicais que se inscribiu obrigou a ampliar os prazos de apertura previstos. Outros 28 grupos xa presentaron a súa solicitude para conseguir unha franxa horaria neste local na que expresar as súas creacións musicais.



O programa ”Móvete con Vigo” está destinado a desenvolver actividades no seo dos centros de ensino a partir de iniciativas propostas pola mocidade. Os proxectos artísticos e culturais responden á necesidade de facilitarlles os medios e os espacios ós estudiantes para que poidan desenvolveren a súa creatividade.

Detectouse que non existen mecanismos específicos suficientes para achegarlles ós mozos productos culturais nin para fomentar, fóra do ámbito académico, a súa participación na creación artística. Resulta necesario ordenar o potencial creativo para que os esforzos realizados resulten positivos, de xeito que sexan os propios mozos participantes os que se organicen para levar á práctica as súas propostas.

A consecuencia inmediata desta iniciativa é que a mocidade se pode responsabilizar dos seus proxectos e crear canles ou asociacións que faciliten esta tarefa.

Unha das necesidades da mocidade é a consecución de recursos, xa que a falta de espacios e materiais paraliza ou impide a iniciación ou conclusión de actividades artísticas.

O programa ”Móvete con Vigo” serve tamén de plataforma de lanzamento de novas propostas, ideas e novos valores e garantiza a continuidade das existentes. Case 300 rapaces participaron en actividades relacionadas coa música, fotografía, informática, teatro, pintura, baile, skate e roller, graffiti, xadrez e deportes.


Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003