Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
luns, 12 de novembro 2001

Imprimir | Enviar

A Aula Etnográfica do Mar, un espacio para coñecer o patrimonio marítimo




A Aula Etnográfica do Mar é un proxecto pioneiro en Galicia que trata de facer unha aproximación á comprensión da natureza mariña a través dunha óptica etnográfica e non exclusivamente naturalista como é común. A súa oferta cultural componse de exposicións, publicacións e asesoría didáctica a centros de ensino e culturais, entre outros, sobre calquera aspecto do patrimonio mariñeiro.

Vai dirixida a estudiantes, desde educación infantil a universitarios, e tamén a colectivos profesionais e persoas con interese no tema.

Durante o primeiro ano de funcionamento, o programa de traballo abarcou diferentes aspectos da cultura popular como o entroido, a olería ou o pan. Desde finais de 1996, os contidos expositivos e a oferta didáctica pasan a seren monográficos entorno ó mar e á cultura tradicional mariñeira polo que, a partir dese momento, o centro foi presentado na súa nova etapa como Aula Etnográfica do Mar. Cada ano máis de 5.000 persoas visitan estas instalacións.


O espírito de traballo da Aula Etnográfica do Mar está enmarcado no actual movemento de preocupación pola calidade do medio natural e cultural. As súas metodoloxías didácticas e divulgativas infórmanse nos principios da educación ambiental, entendéndoa como aprendizaxe do contorno físico e natural e como ensino de todo aquilo que nos identifica coa cultura tradicional.

Os monitores que atenden este centro pensan que a educación ambiental é unha necesidade dobre e urxente porque existe a premisa de conectar o alumnado co medio vital natural e cunha cultura secular con base a proporcionar información nunha aula pechada ademais de experiencias directas, persoais e físicas en relación á complexidade, variedade e problemas destes temas.

Por outra banda, existe tamén a necesidade de que o coñecemento e constatación dos problemas do patrimonio tradicional e natural se traduzan en comportamentos responsables e comprometidos co respecto e conservación dos valores. Colaborar de cara a frear o seu deterioro e potenciar a súa recuperación son dúas facetas da Aula Etnográfica do Mar.

Preténdese, deste xeito, o descubrimento dos ecosistemas mariños e costeiros autóctonos, ademais de amosar os contidos e riquezas sociais e culturais das xentes do mar, descoñecidas para boa parte da mocidade. Todo isto explícase durante as visitas nun ton claramente lúdico e vivencial.


O edificio da Aula Etnográfica do Mar está situado nunha zona de privilexiada paisaxe e conta con sala de audiovisuais, biblioteca, servicios e catro salas de exposicións.

Os contidos dos espacios expositivos están distribuídos nunha sala do mar, concibido como medio natural: outra destinada ós oficios tradicionais, como carpinteiros, teceláns e veleiros: ó espiritual, maxia e ritos contra naufraxios e, finalmente, a construcción naval tradicional contando a historia e evolución das embarcacións.

Maquetas, fotografías, acuarios, artes de pesca e marisqueo conxúganse con xogos participativos para tódalas idades nunha sala de exposicións temporais sobre aspectos concretos das relacións entre o ser humano e o mar.



Para visitar a Aula Etnográfica do Mar nun grupo organizado é preciso solicitar cita previa chamando ó teléfono 986 46 08 12. O horario no que permanece aberta ó público é de 10:00 a 13:30, de luns a venres, co mesmo calendario lectivo que calquera centro escolar.

A aula atópase na parroquia viguesa de Saiáns á beira dereita da estrada C-550 en dirección Vigo-Baiona. Aproximadamente a uns dez quilómetros de saír de Vigo atópase á man dereita o desvío de baixada á igrexa de Saiáns. Desde ese cruce xa é visible o edificio do centro, situado a uns 200 metros á man dereita do camiño.


Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003