Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Temas
Subscribirse


 
xoves, 08 de marzo 2001

Imprimir | Enviar

Presentación do xornal dixital

O Concello de Vigo aposta polas novas tecnoloxías da información e introdúcese na rede con este xornal dixital punteiro en Galicia, elaborado polo gabinete de prensa, co obxectivo de dar a coñecer a actividade municipal e de facilitarlle ós cidadáns o labor de busca de información.

Este xornal dixital pretende servir de fonte tanto para os profesionais dos medios de comunicación como para os interesados nos actos organizados polo Concello de Vigo. A vantaxe de ofrecer información a través da rede radica na inmediatez de transmisión dos acontecementos ós usuarios deste servicio e na posibilidade de actualización das novas municipais segundo o seu desenvolvemento.

Editaranse noticias relacionadas coa actividade municipal do Concello, reportaxes e informes sobre proxectos e cuestións puntuais de interese para os cidadáns, anuncios e bandos, artigos de opinión elaborados polos grupos municipais e persoeiros públicos, e unha axenda municipal na que se incluirán as actividades programadas. Os usuarios terán tamén a posibilidade de facer as súas suxerencias sobre o funcionamento deste xornal dixital e de consultar os titulares relacionados coa cidade de Vigo aparecidos na prensa escrita. Poderanse localizar as noticias, reportaxes, titulares de prensa, axenda, artigos de opinión ou anuncios no buscador coa introducción dunha palabra ou da data de aparición. Para recibir mediante correo electrónico a edición diaria deste xornal dixital, só hai que anotar o enderezo electrónico persoal, ou da empresa, no recadro de suscrición.

Os métodos de acceso ó xornal dixital son ben a través da propia páxina do Concello de Vigo www.vigo.org , ou ben mediante entrada directa no enderezo xornal.vigo.org

Pódese achegar información mediante correo electrónico ó gabinete de prensa do Concello, encargado de elaborar e de difundir as noticias neste xornal dixital.

Outros xornais semellantes a este son o do Ajuntament de Barcelona ou o Boletim Municipal de Lisboa, mentres que algunhas páxinas municipais só manteñen actualizada cadansúa axenda de actos. Tal é o caso do Ayuntamiento de Madrid, Valencia e Burgos, entre outros. Sen embargo, a actualización da información en páxinas de capitais europeas como París non é diaria, senón quincenal ou mensual.



Outros temas
Memoria Reconquista 2014

Memoria Reconquista 2013

Memoria das noticias do Xornal. Xuño a Decembro 2007

Plan local de drogodependencias e outras adiccións

¿Xogas?, en galego podemos

Mocións ao Pleno da Corporación

Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003