Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
xoves, 22 de agosto de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O alcalde ofrece suprimir 500 butacas en Río Baixo para gañar espazo entre filas

Abel Caballero, quen trasladou este xoves a idea á Federación de Peñas do Celta para que a valoren cos afeccionados, propón eliminar unha fila de cada cinco para reasignar as distancias e gañar comodidade. Se verían afectados entre 500 e 600 asentos. O rexedor tamén propuxo acordar a data de inicio da nova bancada de Marcador para minimizar as molestias.




O alcalde de Vigo reuniuse este xoves cos responsables da Federación de Peñas do Celta, Pepe Méndez e Argimiro Rodríguez, entrevista na que as partes abordaron principalmente a remodelación do estadio municipal de Balaídos, entre outros asuntos.

Sobre os asentos de Río Baixo, Abel Caballero propúxolles a posibilidade de mellorar a comodidade entre filas suprimindo unha de cada cinco, o que suporía a eliminación de entre 500 e 600 butacas, segundo as súas estimacións. A eliminación da fila permitiría optimizar as distancias e aumentar o espazo dispoñible cos asentos dianteiros, e significaría para o alcalde gañar "unha amplitude importante" e "maior comodidade" para os afeccionados.

O alcalde, quen puxo en valor a calidade dos novos asentos, trasladou a proposta ás Peñas do Celta para que a valoren co resto dos afeccionados da bancada. Abel Caballero agardará á resposta da Federación e dos espectadores para posteriormente falalo "con quen considere, entre eles, coa directiva do Celta".

A este respecto, o alcalde insistiu en que "eu sempre estou disposto ao diálogo, sempre o estiven. Quen deixou unha butaca baleira foi o presidente do Celta, non foi o alcalde de Vigo, para simbolizar a posición de cada quen. Por certo, butaca baleira no palco que incumpre o convenio e o convenio foi o que lle permitiu ao Celta levantar o concurso de acredores, un convenio feito de boa fe desde este Concello".

Sobre Río, engadiu o rexedor que "estamos facendo un Balaídos novo e temos unha limitación, que a bancada de Río non se pode tocar porque non se pode refacer. Se nós tocamos a bancada de Río, Medioambiente non nos deixa refacela, polo tanto Río ten que ser así", erixida cos parámetros de 1982, pero a situación dos asentos "parcialmente se pode arranxar" e para iso "quero saber que din os afeccionados".

Marcador
Na mesma reunión, Abel Caballero tamén puxo sobre a mesa a opción de agardar ao final da presente tempada 2019-2020 para emprender o derrubo da bancada de Marcador, obra que o Concello estaría en disposición de comezar a inicios do vindeiro ano. O obxectivo sería minimizar as molestias a uns afeccionados que terán que ser reubicados mentres duren os traballos de demolición e posterior construción da nova bancada. Detallou o alcalde que o prazo previsto de obras ascende a 15 meses, co que a nova bancada de Marcador estaría dispoñible para o comezo da tempada posterior, no verán de 2021.

Outros asuntos
A Federación de Peñas do Celta solicitou ao alcalde un local para exercer as súas actividades de coordinación, espazo que o goberno de Vigo lles vai ceder, segundo avanzou Caballero en rolda de prensa. Por outro lado, e a medio prazo, tamén falaron de posibilidades de estacionamento no entorno, a expensas do que aconteza co soterrado da Avenida de Castelao.
Mais noticias
O Concello aprobará na sesión plenaria de setembro as reordenacións do Barrio do Cura e Cruceiro
Caballero cifra en 84 millóns o investimento municipal en Educación desde o ano 2008
Participación de alto nivel internacional en el Cidade de Vigo de ciclismo


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003