Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 12 de agosto de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Campionato de Vigo de tenis poderá xogarse "coa totalidade de pistas renovadas"

O alcalde presentou este luns o torneo de tenis afeccionado máis antigo de España. A competición será do 19 de agosto ao 1 de setembro nas pistas do complexo deportivo municipal de Samil.




O torneo de tenis afeccionado máis antigo de España, o Campionato de Vigo, está en marcha. O alcalde da cidade, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, deu o pistoletazo de saída ao evento, que se disputará no complexo deportivo municipal de Samil en dúas versións. A primeira, a competición para categorías de base (de alevín a júnior), do 19 ao 25 deste mes, co segundo tramo, do 24 ao 1 de setembro, para as raquetas sénior (categoría absoluta e veteranos).

Caballero agradeceu "o patrocinio dende o ámbito privado", que reforza o apoio dado polo Concello á Federación Galega de Tenis, organizadora do torneo a través da Escola de Tenis de Samil. O rexedor anunciou tamén que será o primeiro Campionato de Vigo coa totalidade de pistas remodeladas.

"Xa reformamos completamente todo o complexo deportivo de tenis. Renovamos doce pistas de tenis e tres de pádel e espero que en tempos moi breves sexamos capaces de cubrir as pistas que falaramos", manifestou en relación ás dúas canchas con gradas, onde se disputan as finais.

O xefe do goberno local explicou que ese proxecto era a culminación da reforma integral do complexo, pero "nos impediu cubrilas a Delegación de Costas do Goberno anterior; o Goberno actual veu esta actuación doutro xeito e tras este campionato faremos a reforma e seguiremos facendo campionatos", sostivo.

O alcalde explicou que "teremos dúas semanas de tenis de alta calidade", de novo "con carácter solidario" (1 quilo de alimentos non perecedoiros por inscrición) e quixo "enfatizar a importancia deste torneo, e invitar a que a cidade vaia a velo e que gocemos co tenis que se fai en Vigo".

Pablo González, director da Escola de Tenis de Samil, mostrou a súa satisfacción polo apoio municipal, tanto de Alcaldía como da Concellería de Deportes, e o do sector privado. Elevou as expectativas a uns 400 participantes (os prazos de inscrición están abertos) porque "esperamos unha alta participación", e celebrou a conclusión da totalidade de renovación de pistas. "Van gañar os mellores, pero agora os demais non van poder poñer ningunha escusa", chanceou.

O torneo está dotado cun premio de 1.000 euros para categoría absoluta (500€ para o cadro masculino e a mesma cantidade para o feminino).
Mais noticias
O goberno de Vigo adica 500.000 euros a prolongar ata Rosalía a humanización de García Barbón
Caballero: "O Marisquiño foi un éxito incontestable, con máis xente e máis deporte que nunca"
"Ducias de miles" de sinaturas apoian a candidatura "Illas Cíes Patrimonio da Humanidade"


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003