Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
xoves, 08 de agosto de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


Abel Caballero informou dos proxectos innovadores vigueses a Pedro Duque, quen se mostrou "impresionado" coa cidade

O alcalde de Vigo e o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades mantiveron este xoves unha reunión na cidade, logo dunha visita de Duque aos principais centros científicos e tecnolóxicos vigueses. Na entrevista participaron o delegado da Zona Franca, David Regades, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.




Abel Caballero deulle a benvida á cidade e trasladoulle un Vigo "cidade de ciencia e innovación", con proxectos relevantes -nalgúns casos subvencionados polo Goberno de España ou Europa- como o AutoPilot, a ordenación semafórica que permite a apertura dos semáforos á chegada de vehículos de emerxencia, do vehículo de Fórmula 1 promovido pola Universidade de Vigo co patrocinio do goberno que preside, ou o proxecto do Concello para facer das illas Cíes Patrimonio da Humanidade, que conta coa implicación do Centro Superior de Investigacións Científicas, do Instituto Español de Oceanografía en Vigo e das Universidades, entre outros.

O alcalde, quen louvou a boa resposta do Goberno de España que preside en funcións Pedro Sánchez ás iniciativas que Vigo propón en materia de I+D+i, avanzou ao ministro de Ciencia que continuarán optando aos concursos estatais por concorrencia competitiva para conseguir financiamento para proxectos innovadores vigueses.

Por último, Abel Caballero puxo en valor que Vigo conta cunha decena de puntos onde ver as estrelas e manifestouse en "absoluto acordo" con Duque en que tanto nenos como maiores teñen que poder ver o firmamento.

O ministro Duque, pola súa banda, agradeceu a entrevista co alcalde despois de ter visitado algunhas das instalacións científicas coas que Vigo conta e que dependen do Goberno de España, como o IEO ou o CSIC, ademais doutros centros tecnolóxicos como o do automóbil, o CTAG.

Pedro Duque amosouse "moi impresionado" co que puido comprobar da cidade e coa "implicación" dos centros tecnolóxicos no día a día da cidade. O tamén astronauta valorou que Vigo sexa "cidade da innovación" e erixiuna en "exemplo" para outras cidades, polo que solicitou a Abel Caballero que "anime ao resto de municipios" a implicarse no coñecemento e na investigación, no "impulso" á ciencia e á innovación como "garantía de futuro".
Mais noticias
"Os Gobernos Locais xogaremos un papel clave na anticipación contra a violencia de xénero"


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003