Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 05 de agosto de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O alcalde reclámalle a Feijóo por carta "as carencias e a débeda histórica da Xunta con Vigo"

Abel Caballero remitiu este luns unha misiva ao presidente da Xunta na que lle propón un listado de cuestións pendentes que o Goberno autonómico "debe resolver de forma inmediata antes de iniciar calquera diálogo do Concello".

O rexedor informou hoxe do envío dunha carta ao presidente da Xunta na que inclúe un listado non exhaustivo de "todas as carencias e a débeda histórica que a Xunta ten con Vigo e de todas as cuestións que ten que acometer na cidade".

Amais, no texto, reclámase a Núñez Feijóo unha serie de demandas que "a Xunta debe resolver de forma inmediata antes de iniciar calquera diálogo co Concello" porque, segundo Caballero, "non lle cremos" aludindo á reunión mantida entre ambos no ano 2015 "na que chegamos a acordos e a resposta foi non cumprir nin un só dos acordos e mesmo levou aos tribunais a Área Metropolitana", polo que rexeitou a valía dos encontros co presidente da Xunta.

O alcalde de Vigo emprazou a Feijóo a "amosar realidades; antes de ningún diálogo que mostre vontade de acordo" citando como exemplos de decisións o desbloqueo do veto posto ao acceso ao colexio Párroco don Camilo ao negar a aplicación da Lei Vigo, igual que ocorre co pavillón de Matamá, a retirada do gravame de 650.000 euros sobre a presa de Eiras, "que queren cobrar ao Concello", a retirada do "veto político" ás pasarelas mecánicas da Gran Vía, o inicio da derogación da Lei "que obriga a Vigo a pagar os autobuses da xente que non é de Vigo sen que a Xunta pague nin un euro", a retirada da lei pola que o Concello debe pagar parte dos centros de día e escolas infantís. Son, para Caballero cuestións "que non teñen custo orzamentario e coas que a Xunta fai obstaculización política á cidade de Vigo".

Na misiva tamén figura a reclamación dalgunhas cuestións pendentes como a humanización de Pereiró, que é competencia autonómica, ou o pagamento da reforma do estadio de Balaídos, do mesmo modo que paga o Concello e a Deputación.

O alcalde de Vigo apuntou que "nada me agradaría tanto como poder recibir ao señor Feijóo con todo o entusiasmo porque dera mostras e resolvera os problemas pendentes da cidade. Pero a cidade non confía en Feijóo" polas "promesas incumpridas e o abandono da cidade".
Mais noticias
O Concello abre ao público o primeiro tramo da Vía Verde
Caballero urxe ao Consorcio do Casco Vello a cesión dun inmoble á Zona Franca para uso de Down Vigo
A Orquestra Clásica de Vigo ofrecerá un concerto no monte do Castro na noite das Perseidas


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003