Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
venres, 02 de agosto de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Concello programa visitas guiadas, exposicións, concertos e obradoiros na Noite Branca do 9 de agosto

Abel Caballero presentou a programación para o próximo venres, noite que prolonga a apertura dos museos de Vigo ata as dúas da mañá, e invitou á cidadanía a gozar das actividades, todas gratuítas. Serán máis de 40 visitas guiadas, lúdicas, con representacións e obradoiros, unha ducia de concertos musicais, 12 puntos de actividade, exposicións permanentes e temporais.




Programa


O alcalde detallou este venres o programa do próximo 9 de agosto, data na que o Concello celebrará a Noite Branca, prolongando o horario de apertura dos museos de Vigo ata as dúas da mañá e organizando actividades específicas ao efecto.

O Concello impulsou esta iniciativa hai sete anos, co principal obxectivo de poñer en valor o patrimonio da cidade á vez que desenvolve unha manchea de actividades nos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo: o Museo "Quiñones de León" de Castrelos, o Verbum-Casa das Palabras, a Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", a Casa Galega da Cultura, a Casa das Artes e o MARCO. Ao igual que no ano anterior, participan tamén na Noite Branca os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano de Toralla, e se suman Naturnova, o Museo do Mar e Salinae.

Nesta sétima edición, o público asistente poderá gozar de concertos en espazos como a Casa das Artes, o Xacemento Arqueolóxico do Castro, o Museo "Quiñones de León", os xardíns históricos de Castrelos ou o Verbum; ademais, haberá propostas musicais ao aire libre na rúa do Príncipe, arredor do Marco, e na praza da Princesa. Visitas guiadas, obradoiros participativos, interactividade, concertos, exposicións e a ampliación do horario co fin de potenciar o desenvolvemento de actividades para todo tipo de público relacionadas coas coleccións e as exposicións.

En total serán máis de 40 visitas guiadas convencionais, lúdicas, con representacións, obradoiros; unha ducia de concertos musicais; 12 puntos de actividade, con ampliación de aperturas, exposicións permanentes e exposicións temporais.

Ademais, na planta baixa do Verbum terá lugar o programa "Verbum creativo. Laboratorio artístico", concibido como un espazo de sensibilización, experimentación e creación a partir das capacidades de artistas de distintas disciplinas, facendo tamén partícipes aos asistentes nas distintas fases creativas das súas obras. Pensado para toda a familia, contará coa artista Iria Vázquez, que animará ao público a crear un mural pictórico co mar como protagonista; Sabela Cereijo, unha oportunidade para ser parte dunha formación a capella; os músicos do colectivo Sulxeitos, que convertirán aos asistentes en compositores musicais nunha instalación sonora; e Nuria Carballido, coreógrafa que nos invita a ser parte dunha peza coreográfica sinxela e divertida para todas as idades. Todo entre as 20:00 e ás 22:30 horas.
Mais noticias
O goberno municipal organiza obradoiros infantís en Samil e nos barrios entre o 5 e o 13 de agosto
Vetusta Morla, Xoel López e Furious Monkey House, triplo concerto este venres en Castrelos
O alcalde advirte á cidade sobre a incidencia no tráfico da procesión do Cristo
O rexedor recibe a responsables de Legálitas, que prevé facer 50 contratacións na cidade


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003