Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
mércores, 31 de xullo de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


A Corporación insta á Xunta a integrar CEDRO no Sergas asumindo o custo do servizo

A moción socialista foi aprobada co apoio de Marea de Vigo e do BNG, que tamén apoiaron a moción coa que o PSOE demanda á Xunta o financiamento íntegro das súas competencias exclusivas en materia de xestión dos centros de día de Teis, Valadares e Coia.

Na sesión plenaria celebrada este mércores a Corporación Municipal aprobou a moción do grupo socialista, co apoio de Marea e BNG, instando á Xunta de Galicia á integración orgánica de CEDRO no Servizo Galego de Saúde e a asumir o custo total deste servizo asistencial namentres non se produza esta integración.

A edil Yolanda Aguiar defendeu que a prestación de asistencia sanitaria especializada non é unha competencia propia dos concellos, que a Xunta de Galicia non só non asume senón que tampouco financia na súa totalidade e reduce a súa achega cada ano, cifrando nun 40% a achega autonómica fronte ao 60% de financiamento do Concello de Vigo.

Xabier Pérez Igrexas, do BNG, dixo agardar que a integración de CEDRO no SERGAS non supoña unha merma de persoal e no mesmo sentido pronunciouse Rubén Pérez de Marea apuntando que "non me fío de CEDRO integrado na Xunta. Queremos que sexan rigorosos". A edil popular, Patricia López Román, criticou a moción apuntando que "o Pleno se dedica continuamente a atacar á Xunta de Galicia".

Tamén no eido social, o Pleno Municipal aprobou hoxe unha moción do grupo socialista na que insta á Xunta a cumprir o mandato legal de financiar integramente as competencias exclusivas que ostenta en materia de xestión dos centros de día de Teis, Valadares e Coia e a anular ou revogar as liquidacións practicadas irregularmente en concepto de cofinanciamento por parte do Concello dunha competencia que é exclusiva das Comunidades Autónomas. Na defensa da moción, a socialista Yolanda Aguiar acusou ao goberno autonómico de deslealdade institucional ao obrigar ao Concello a financiar estes centros de día asumindo unha competencia que non é propia e, ademais, a cofinanciala.

O edil do Bloque Nacionalista Galego, Xabier Pérez Igrexas, apoiando o texto aludiu aos recortes da Xunta en materia social mentres o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, cualificou de "insulto á autonomía local" o cofinanciamento municipal de garderías e centros de día autonómicos. O voceiro popular, Alfonso Marnotes, expuxo que estes centros non son xestionados pola Xunta de Galicia senón polo Consorcio Galego de Benestar coa participación dos concellos. Yolanda Aguiar criticou que Feijóo empregue a súa maioría parlamentaria para "facer leis ad hoc anti Vigo" de maneira que "Feijóo convida e Vigo paga".
Mais noticias
O Concello abona as facturas en nove días e mantense á cabeza de España
O Pleno Municipal demanda a creación de solo industrial e comercial á Xunta de Galicia
A Corporación pide á Xunta "diálogo" para unha nova zonificación escolar e aumentar as dotacións educativas
O Pleno pide un plan de choque para reducir as listas de agarda na sanidade viguesa


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003